Ernesto Filgueira, o carismático líder veciñal, será o candidato do BNG á Alcaldía de Cerdedo-Cotobade. O anuncio oficial realizouse onte na sede provincial da formación e baixo a atenta mirada do responsable comarcal, Demetrio Gómez.
Filgueira non é un descoñecido para ninguén, nin en Cerdedo-Cotobade, nin en Pontevedra. Na capital acaba de pechar a emblemática tenda de seus pais La Casa de los Paraguas, despois de xestionala persoalmente durante máis de 30 anos. Na cidade, impulsou a Área comercial Zona Monumental, organismo do que foi presidente, e tamén participou activamente en Aempe e no Casino Mercantil, entidade que aínda preside na actualidade.
Pero a pesar desta actividade dinamizadora na Boa Vila, Filgueira residiu nos últimos 30 anos en Viascón, parroquia de onde procede súa nai e onde se instalou unha vez casado. Neste recanto de Cotobade é onde se implicou coa participación a través da Comunidade de Montes e da Asociación de Veciños O Agro. Ambas seguen baixo a súa presidencia. No último ano, Filgueira foi especialmente visible no movemento veciñal de Viascón a raíz do proxecto do Ministerio de Fomento para crear un carril de servizo na N-541 ao seu paso pola parroquia. O líder veciñal vén de encabezar as protestas ante as administracións para tratar de que este proxecto non saia adiante.
Filgueira aceptou encabezar a candidatura do BNG, segundo confesou, hai uns días. Aínda non ten lista formal, pero adianta que "os traballos están en marcha" e destaca que é tempo de «reunirnos con todos os colectivos para coñecer as súas inquietudes e demandas» de cara a preparar o programa dos vindeiros comicios.
O candidato compareceu sentado posto que un desafortunado accidente, hai uns meses, lle provocou a rotura dunha perna. O proceso de recuperación, aínda que avanza ben, oblígao a estar sentado moito tempo e non lle permite conducir. "A única condición que puxen para ser candidato é que toda esta xente me axude coas cuestións de mobilidade", confesou na comparecencia de onte, sinalando aos seus compañeiros, o excandidato e responsable local Anxo Santomé, así como Delmiro Durán, Alberto Nogueira e Iria Riveiro.
Metas. Aínda que Filgueira anunciou que quere oír ao resto dos conveciños do concello fusionado, moitas das súas ideas para chegar á Alcaldía xa están apuntadas en varias follas dunha axenda azul que portaba onte durante a presentación e que empregou como "chuleta" para explicar onde se pode actuar. O seu plan pasa por "dinamizar o rural para evitar a perda de poboación", con medidas como as "axudas para os autónomos e as pequenas empresas" ou o apoio "á agricultura e gandería en ecolóxico, porque, se ben non se pode competir con sectores moi industrializados, é fundamental calquera axuda para que os pequenos produtores poidan chegar ao mercado".