O BNG convoca unha marcha para alertar doutro plan eólico na Fracha

O proxecto afectaría de cheo ao Parque Forestal de Pontevedra e a montes de distintos lugares de Ponte Caldelas e Soutomaior
Un dos miradores do Parque Forestal da Fracha, no que se situaría un dos aeroxeradores. GONZALO GARCÍA
photo_camera Un dos miradores do Parque Forestal da Fracha, no que se situaría un dos aeroxeradores. GONZALO GARCÍA
É posible que o monte da Fracha, a escasos quilómetros de Pontevedra, cunha altura máxima de 476 metros e en pleno corredor aéreo cara o aeroporto de Peinador, chegue a acoller un megaproxecto eólico con xeneradores de máis de cen metros de altura?

O BNG da comarca de Pontevedra ten fundados motivos para crer que esta zona tan significativa está no punto de mira das multinacionais que están a presentar peticións de permisos para desenvolver parques eólicos cun plan que afectaría a terreos dos municipios de Ponte Caldelas, Pontevedra e Soutomaior.

De feito, sinalan que o propio Rexistro Eólico de Galicia, un documento online que recolle ao mesmo tempo a ubicación dos proxectos executados, a dos concedidos sen executar e a dos que se están solicitando, reflexa a presenza dun proxecto denominado Serra da Fracha que consta, de momento, de dúas torres meteorolóxicas, unha estación e dous aeroxeneradores.

Deste plan aínda non son públicos os promotores nin os datos definitivos, pero os movementos empresariais fan que os nacionalistas do tres concellos prefiran que a vecindade vaia coñecendo os detalles con antelación para estaren alerta ante o que o responsable comarcal do BNG, Demetrio Gómez, calificou como "un novo exemplo de depredación do territorio e expolio da riqueza", promovido, destacou "polo PP, que co seu modelo eólico depredador busca, tan só, beneficiar ás multinacionais". O nacionalista indicou que, cando menos, un dos muíños estará dentro do Parque Forestal da Fracha, recentemente rematado e que conta con 406 hectáreas habilitadas, grazas a un investimento recente de case medio millón de euros, dentro da estratexia Municipal de Desenvolvemento Sostible de Fondos Europeos Feder para potenciar un modelo medioambiental sostible.

A marcha, "á que están convidados todos os veciños da contorna", partirá de Xustáns, da zona da Cruz do Brasil, este domingo ás 10.00 horas. Os asistentes percorrerán montes de Taboadelo, Soutomaior, Xustáns, Baltar, A Reigosa e, finalmente, Marcón, antes de rematar no propio parque forestal.

Trátase, reivindica o BNG, de ir coñecendo os espazos que se poderían ver deturpados pola posible instalación industrial, pero tamén de reivindicar, como xa se fixo nas últimas semanas, "outro modelo eólico" no que prime un sistema dimensionado co territorio "xusto, sustentable e galego", que o BNG defende que ten que "ser compatible coa multifuncionalidade do monte, e estar ao servizo do beneficio do país, non das multinacionais". No mesmo encontro tamén se reivindicará unha tarifa eléctrica galega, acorde coa capacidade de produción do territorio.

Comentarios