O BNG denuncia o colapso en Anafáns: cun so médico polas baixas e vacacións

Os nacionalistas levarán, a traveso do deputado Luís Bará unha nova reclamación ao Parlamento Galego para que se repoña o persoal e se atalle o declive do servizo
Esperas no exterior do centro de saúde de Anafáns provocadas pola campaña de vacinación da covid. G.G.
photo_camera Esperas no exterior do centro de saúde de Anafáns provocadas pola campaña de vacinación da covid. G.G.

Os problemas xa endémicos do centro de saúde de Anafáns, en Poio, parecen agudizarse coa chegada da estación estival. Así o denuncia o BNG deste concello, que non descarta novas medidas de protesta ante unha situación que fai pensar que o centro de saúde se quedará sen quenda de tarde para Atención Primaria, se non se substitúen os profesionais de baixa e vacacións. Os nacionalistas, que mesmo levaron este problema á oficina da Valedora do Pobo, tratarán de facer entrar en razón á Xunta cunha nova intrepelación do seu deputado, Luís Bará, no Parlamento Galego.

A responsable local dos nacionalistas, Marga Caldas, denunciou a grave situación de "colapso" que na Atención Primaria "que está poñendo en risco incluso o servizo de tarde dada a falta de facultativos".

Caldas sinala que esa desaparición temporal do servizo de tarde pode chegar en virtude ao momento de "presión" que viven os e ás facultativas sanitarias no que se suma a carga de traballo motivada pola pandemia ao "deterioro da saúde da poboación ante as dificultades que ten para acceder á Atención Primaria".

Caldas insiste en que, o panorama de todo o Concello é do menos alentador, de momento. Así, "as listas de agarda nos centros de saúde Raxó, Combarro" hai que engadirlle que "Anafáns esta colapsando como consecuencia da decisión da Xunta de non substituír ao persoal sanitario cando está de baixa ou de permiso".

Deste xeito, hai pacientes que, segundo o BNG, teñen que esperar máis de 30 días para unha primeira cita telefónica co médico de familia ou para facer as analíticas que necesitan.

Así mesmo, lembran que esa precariedade de persoal fai que "moitas persoas que precisan dun seguimento personalizado agora non poden ser atendidas".

O BNG considera que a situación do centro merma tamén a calidade da atención, posto que o persoal sanitario "está a soportar unha sobrecarga de traballo, chegando mesmo a prolongar a súa xornada laboral, ao ter que atender o cupo do resto dos médicos".

"EXTREMO". Caldas insiste en que este é un "exemplo extremo de colapso e deterioro sanitario" de toda a comunidade. Así, sinala que, si en Poio hai oito médicos e médicas para unha poboación de 17.000 persoas, a ratio de pacientes por facultativo pode achegarse aos 2.000. Unha cifra moi superior a de outros concellos coa mesma poboación, segundo o BNG .

A concelleira sinala tamén que non se está cubrindo a baixa da doutora que atendía media quenda en Combarro e outra media en Anafáns. "A maiores non se cubren as vacacións do facultativo de Raxó e dúas facultativos de Anafáns". Isto provoca que varios días o servizo de Anafáns quedou atendido cun só médico. Non hai persoal suficiente para atender os teléfonos, provocando grandes esperas e longas colas para poder solicitar trámites que non se poden resolver vía telemáticas.

Comentarios