O BNG levará á Valedora o "bloqueo" de Portos ao proxecto de Combarro

Os nacionalistas urxen a que se lle permita ao Concello executar as obras para dotar á rada de máis aparcadoiro
Marga Caldas e Luciano Sobral. DP
photo_camera Marga Caldas e Luciano Sobral. DP

O BNG solicitará amparo á Valedora do Pobo ante a ausencia de resposta por parte de Portos de Galicia á petición da concesión demanial dunha zona da rada de Combarro para executar unha zona de aparcadoiro e crear novos espazos verdes.

O alcalde, Luciano Sobral, e a responsable local do BNG, Marga Caldas, fixeron este venres un "chamamento público para que dende a Xunta se desbloqueen os proxectos que o Concello de Poio quere executar no Porto de Combarro", pois tras "múltiples reunións" desde o mes de xaneiro, cando o Goberno local solicitou iniciar esta actuación, valorada en 100.000 euros, o organismo da Xunta continúa sen respostar "a pesar da urxencia marcada polo Concello". O convenio "que quería asinar Portos" contemplaba só o control de tráfico e non o proxecto de execución, puntualizaron os nacionalistas.

A urxencia desta obra cobra agora máis forza debido á perda de 80 plazas de aparcamento do interior do Porto, inhabilitadas polas obras de construcción do emisario submarino co que se completarán os traballos de mellora do sistema xeral de saneamento do fondo da ría. O BNG subliñou que "estamos sufrindo as consecuencias dunha obra", que, "anque necesaria", engadiu, non está coordinada co Concello "en tempo e forma para buscar alternativas e solucións aos veciños".

RÉPLICA. A presidenta de Portos de Galicia, Susana Lenguas, aclarou este venres que a proposta do Concello de execución dun novo aparcadoiro non é posible tal e como está realizada pois pretende destinar as prazas a residentes "e non se poden reservar eses espazos para usos non portuarios". Sen embargo, o BNG xa expresou onte que "se o problema é o uso exclusivo de residentes que deixen que as prazas sexan de uso libre, só queremos executar obras necesarias para os nosos veciños".

Susana Lenguas reprochou ao Concello que fale agora de chegar a acordos cando Portos de Galicia "leva máis de tres anos intentando pechar, sen éxito tras múltiples reunións, distintos convenios de colaboración en beneficio do conxunto dos veciños de Poio".

Comentarios