viernes. 21.01.2022 |
El tiempo
viernes. 21.01.2022
El tiempo

O BNG de Poio recollerá sinaturas ante a situación dos centros de saúde

Mesa informativa instalada este martes no centro de saúde de Anafáns. GONZALO GARCÍA
Mesa informativa instalada este martes no centro de saúde de Anafáns. GONZALO GARCÍA
O resultado da campaña será remitido á Valedora do Pobo, á Xunta e ao Parlamento galego ►As mesas informativas estarán instaladas nos centros de Anafáns, Combarro e Raxó

Un chamamento "a todas as persoas para que colaboren, e unirnos na causa denunciando públicamente a situación que estamos sufrindo". Así deu este martes a voz de alarma ante a situación de "colapso" dos centros de saúde de Poio a voceira municipal do BNG, Marga Caldas, acompañada polo alcalde de Poio, Luciano Sobral, e os edís Xulio Barreiro e Raquel Rodríguez, xunto ao represente da Plataforma SOS Sanidade Pública, Antón Prieto, para anunciar unha campaña de recollida de sinaturas en diferentes puntos do concello, e que estará centralizada nos tres centros de saúde de Poio, a través de mesas nas que tamén se ofrecerá información a calquera persoa que se achegue, xa que "estas queixas hai que dirixilas ao Sergas e á Xunta", afirmou Caldas Moreira.

A voceira tamén explicou que as sinaturas que se recollan serán remitidas á Valedora do Pobo, á Xunta de Galicia e ao Parlamento galego. "Tivemos xa dúas xuntanzas coa Valedora para que atendera esta reclamación, xa que todos os avisos na Xunta caeron en saco roto. A Valedora tiña o compromiso de darnos unha resposta nun mes. A día de hoxe non a temos, e a situación segue sendo a mesma", asegurou. Neste sentido, apremiou Caldas, "temos que seguir mobilizándonos, facerlle ver á xente que existe un problema real na sanidade, e que na Xunta tomen conciencia para subsanar esta situación".

Para Caldas, a situación sanitaria "que sofre o concello de Poio, e tamén en todo o país", ten como consecuencia "listas de agarda, profesionais da sanidade pública dobrando horas de traballo, sen baixas e permisos que se cubren sen previsión".

ATENCIÓN PRIMARIA. Dende SOS Sanidade Pública, Antón Prieto referiuse á Atención Primaria galega como "deficitaria por completo", con "centros totalmente saturados e baixas médicas moi importantes", á vez que incidiu na vontade da Plataforma de "chegar a acordos, pero polo que se ve non hai intención". "O problema é a privatización da sanidade, hai un nicho económico moi importante e trátase de que así sexa", afirmou.

"Turnos de 12 horas e cupos de máis de 80 pacientes"
"Estamos en contacto co persoal, temos constancia de que non hai previsión de cubrir permisos e baixas e, ademais de estar na sexta vaga da covid, atopamos días nos que Anafáns ten un só facultativo pola tarde. En Combarro estamos con dous facultativos e neste caso non se cubren as baixas das enfermeiras", explicou a voceira do BNG , Marga Caldas, ante a situación en Poio. Neste sentido, afirmou, o persoal dos centros de saúde do municipio afrontan diariamente "turnos de 12 horas e cupos de máis de 80 pacientes". Segundo Caldas, "a situación é de médicos desbordados e unha praza do facultativo deslizante entre Anafáns e Combarro que segue sen cubrirse. Estamos falando de 1.500 pacientes que teñen que asumir outros sanitarios, xunto a permisos e baixas de compañeiros. Hai un gran colapso".

O BNG de Poio recollerá sinaturas ante a situación dos centros de...
Comentarios