O BNG sopesa iniciar mobilizacións para esixir melloras na sanidade local

Os nacionalistas impulsan unha moción para solicitar medidas á Xunta de Galicia
De esquerda a dereita, Xulio Barreiro, Marga Caldas, Raquel Rodríguez e Antón Briones, ás portas do ambulatorio de Combarro. JAVI CERVERA - MERCADILLO
photo_camera De esquerda a dereita, Xulio Barreiro, Marga Caldas, Raquel Rodríguez e Antón Briones, ás portas do ambulatorio de Combarro. JAVI CERVERA - MERCADILLO

O grupo municipal do Bloque Nacionalista Galego (BNG) está disposto a convocar mobilizacións de protesta en caso de que a Xunta de Galicia non mellore o servizo sanitario na vila, algo que, a xuízo dos nacionalistas, pasa por cuestións como acelerar a construción dun Punto de Atención Continuada (PAC), así como acometer melloras nos centros actualmente operativos en Raxó e Combarro, ademais de tomar medidas para acabar coas extensas listas de agarda que padecen na actualidade os usuarios, que, en moitos casos, prolónganse ata dúas semanas. A responsable local do BNG, Marga Caldas, compareceu este martes ás portas do ambulatorio de Combarro para dar conta dos detalles dunha moción que a súa agrupación ten previsto presentar no vindeiro Pleno ordinario, que se celebrará a finais deste mes de decembro. O texto insta á Administración autonómica, entre outras cousas, a que dote a Poio dun PAC, mantendo, iso si, abertos os consultorios actuais. Cómpre lembrar que no seu momento a Consellería de Sanidade contemplou a opción de construír o novo Centro de Saúde, pero condicionando esta actuación ao peche das instalacións de Anafáns, Combarro e Raxó.

Marga Caldas lembrou que o Concello puxo a disposición da Xunta tres opcións distintas para acoller a construción. "Se o Goberno autonómico no vindeiro ano 2020 acepta unha destas propostas nós comprometémonos a poñer a parcela á súa disposición de xeito inmediato", garantiu. Ademais, a moción tamén aposta por esixir que se dote con máis médicos, pediatras e enfermeiros á sanidade da vila. "Pola cantidade poboación que temos deberiamos ter dereito a dispor de tres pediatrais, pero agora mesmo só hai un operativo", lamentou a responsable local do BNG, que explicou que "enviamos un escrito ao Sergas preguntando por esta cuestión, pero non recibimos ningunha resposta".

Os nacionalistas desexan que o texto que se envíe ao conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, estea asinado por "todos os voceiros municipais". Ademais, tamén invita aos grupos a persoarse no edificio da Xunta para entregar o documento "en man". Neste senso, Caldas Moreira entende que "é preciso que se rectifique unha política sanitaria que está destruíndo a sanidade público dos galegos e galegas en xeral e da xente de Poio en particular, poñéndose en risco o noso dereito a esta prestación". De non cumprirse estas solicitudes, poderían inicarse mobilizacións.

Comentarios