O BNG de Soutomaior presentará no Multiusos o seu novo Consello Local

No acto intervirán a nova concelleira do BNG de Soutomaior, Rosana Comesaña
BNG SOUTOMAIOR

O BNG de Soutomaior presentará este venres o seu novo Consello Local, nun acto que está convocado para as 20.30 horas no Multiusos de Arcade, e no que toda a veciñanza está invitada a asistir e participa.

No acto intervirán a nova concelleira do BNG de Soutomaior, Rosana Comesaña, que ocupará o posto de Olalla Obelleiro, edil que pediu recentemente ceder o seu escaño para facer un receso. Ademais estará o responsable local do BNG, José Costas; a deputada e viceportavoz do BNG do Parlamento galego, Olalla Rodil e o tamén deputado no Parlamento galego e portavoz municipal, Manu Lourenzo. Como xa ten sucedido noutras convocatorias do Bloque en Soutomaior, haberá música para amenizar o encontro, neste caso da man de outro deputado nacionalista no Parlamento galego, ‘Mini’ Rivas.

 Manu Lourenzo afirmou que agarda que este acto sirva para que, unha vez máis, o BNG de Soutomaior "saque músculo coa súa militancia" e se atope de novo cos integrantes da formación despois dunha etapa marcada polo teletraballo e a ausencia de encontros, a consecuencia das restricións da pandemia.

Comentarios