A música, o lecer e a cultura serán as chaves coas que o Concello de Poio poña en marcha a iniciativa que axudará a desestacionalizar o turismo no municipio e tamén a sacar do verán o amplo repertorio cultural deste concello. Así o anunciou o concelleiro de Festexos, Xosé Luís Martínez, acompañado pola edil de Cultura, Raquel Rodríguez e a de Deportes e Seguridade Cidadá, Marga Caldas.
Os tres presentaron a primeira edición do Primavera en Poio, unha iniciativa que se estrea no municipio e que ten a característica de propor concertos ou sesións de orquestras en todas as parroquias e de xeito gratuíto. A programación inclúe tamén o Sons de Ánkar, que, por primeira vez nos tres anos que leva en marcha xa non pertence ao calendario de verán, onde o concelleiro sinalou que a cita tal vez non se vexa favorecida "pola existencia de moitos festivais no verán".
No que respecta ás actuacións, o Primavera en Poio, esta fin de semana será unha das máis fortes da convocatoria, tal e como afirmou o edil "aproveitando a proximidade dos festivos de Semana Santa. A actuación do Grupo América de Vigo, este venres nas inmediacións do porto de Raxó, abrirá o programa. O sábado actuarán Los Satélites no adro da igrexa de San Salvador, mentres que o domingo Panorama chegara á Praza da Chousa de Combarro.
O sábado 29 de abril será a quenda do Festival Sons de Ánkar, que vivirá a súa cuarta edición estreando formato e data. Tanxugueiras, Xabier Díaz e as Adufeiras de Salitre e Treixadura son os grupos que actuarán no Parque de Ánkar de San Salvador, desde as 19.00 horas.
O domingo 30 a música continuará en Samieira, na Praza Alfredo Romay, coa orquestra Marbella. O peche ao Primavera en Poio será o martes 16 de maio, na véspera do Día das Letras Galegas, con París de Noia e Los Coleguitas, na Praza da Granxa de Campelo.
O concelleiro de Festexos indicou que esta nova proposta finánciase con fondos propios e do Plan Concellos provincial. Asemade, puntualizou que xa está pechado o groso da programación do Verán en Poio, que comezará en xuño coas Festas de San Xoán ese prolongará ata a Festa da Merced. "Mantemos a nosa filosofía de espallar por todas as parroquias actuacións e concertos con artistas de renome, ao tempo que introducimos algunhas novidades, como o Festival Chalana, que terá lugar en agosto e que traerá a Raxó a Álvaro de Luna", conclueu.