Bota a andar o proxecto 'Soutomaior inclusivo', que busca garantir a igualdade entre veciños

O Concello ten un protocolo para evitar colas e ofrecer lugares en condicións ás persoas con discapacidade recoñecida pola Xunta
A presentación das pulseiras de Soutomaior Inclusivo. DP
photo_camera A presentación das pulseiras de Soutomaior Inclusivo. DP

O alcalde de Soutomaior, Manuel Lourenzo, e a concelleira de Benestar Social, Rosana Martínez, presentaron este mércores "Soutomaior Inclusivo", un proxecto pioneiro para este municipio, que está enfocado en mellorar a calidade de vida das persoas con diversidade funcional e das súas familias.

Deste xeito, "Soutomaior Inclusivo" establece unha liña de acción estratéxica por parte do Goberno de Soutomaior á hora de desenvolver medidas que garantan a igualdade para todas as persoas, sexa cal sexa a súa condición.

Así, para pór ao alcance de todos e todas as vantaxes deste protocolo, as persoas con diversidade funcional e as familias que queiran acollerse a "Soutomaior Inclusivo" só terán que recoller no Concello ou no Multiusos unha pulseira que lles dará acceso prioritario aos eventos que organicen e se leven a cabo dende o concello de Soutomaior.

Tal e como informaron onte o alcalde e a concelleira de área, para que se outorgue a pulseira só deberán presentar a tarxeta de discapacidade da Xunta de Galicia. Unha vez conseguida, amosando esa pulseira nas actividades do Concello, as persoas beneficiarias terán acceso preferente sen ter que facer colas nin agardar.

As medidas enmarcadas en "Soutomaior Inclusivo" implican políticas e protocolos aplicados en calquera acto do Concello que permitan a integración destas persoas e o seu total goce das actividades en igualdade de condicións.

DESDE MAÑÁ. Os representantes do Goberno local puxeron onte o exemplo da programación de Nadal, que comeza mañá, 2 de decembro, e na que "Soutomaior Inclusivo" xa estará vixente, polo que as persoas con diversidade funcional que así o soliciten poderán beneficiarse das medidas recollidas no proxecto.

A concelleira Rosana Martínez sinalou "a ilusión que me fai poder presentar un proxecto no que levamos meses a traballar e que vai estar activo desde xa".

Do mesmo xeito, agradeceu especialmente a colaboración prestada "ás familias coas que o Goberno de Soutomaior falou para deseñar en conxunto este proxecto e que cada día loitan incansablemente polos dereitos dos seus pequenos e pequenas".

Pola súa parte, o alcalde Manu Lourenzo, sinalou que "no Goberno local temos como obxectivo prioritario que todos os veciños e veciñas do noso concello poidan gozar de todo o que Soutomaior ofrece en igualdade de condicións. Este é o resultado de todo ese traballo, e grazas á concellleira Rosana Martínez, hoxe o noso concello é un pouco máis inclusivo e agradable para todas as persoas2, concluíu.

Comentarios