As cacharelas de San Xoán só se poderán prender en cinco praias de Poio

Raxó, O Laño, Ouriceira, O Padrón, Lourido e Campelo son os únicos espazos públicos nos que se permiten as fogueiras, cuxos permisos tamén se poden solicitar este ano para lugares privados
O prazo de presentación de solicitudes xa está aberto, e pecharase o vindeiro venres.
photo_camera O prazo de presentación de solicitudes xa está aberto,e pecharase o vindeiro venres, GONZALO GARCÍA

O Concello de Poio abriu este venres o prazo para solicitar os permisos para prender as cacharelas na noite de San Xoán que, tal e como informaron dende a Concellería de Medio Ambiente, no caso dos areais, poderanse realizar exclusivamente nas praias de Raxó, O Laño, Ouriceira, O Padrón, Lourido e Campelo.

A mesma solicitude de permisos será necesaria no que respecta á realización de grelladas no caso da hostalería e, como principal novidade con respecto aos pasados anos de 2020 e 2021, nesta ocasión si se autorizarán as fogueiras en lugares privados e tamén públicos, se ben será necesario cumprir os requisitos de seguridade pertinentes.

Dende Medio Ambiente lembraron que as instancias para solicitar os permisos para o prendido de cacharelas e a realización de grelladas pódense cubrir a través da Sede Electrónica do Concello, e, no caso de optar pola vía presencial, requirirase cita previa. O prazo pecharase o vindeiro martes, 21 de xuño e, posteriormente, do 22 ao 26, abrirase un novo periodo de solicitudes para as cacharelas e grelladas de San Pedro (28 de xuño). Neste caso, o concelleiro de Medio Ambiente, Xosé Luís Martínez, avanzou que non se permitirá realizalas nas praias.

En canto aos requisitos a cumprir, dende o Concello lembraron que a persoa solicitante será a responsable do cumprimento das devanditas normas, e que non estará permitido o emprazamento dun asador en zonas públicas, mentres que o volume do combustible da fogueira non poderá sobrepasar os oito metros de perímetro e os tres de altura. Ademais, a separación entre os edificios e árbores será como mínimo de catro metros no caso das grelladas e de 12 no caso das cacharelas.

Martínez Blanco incidiu tamén na importancia de que aquelas persoas que prendan as fogueiras e as grelladas teñan coidado de non situalas baixo tendidos eléctricos ou telefónicos, así como de que nas proximidades non exista ningún local no que se almacenen produtos inflamables. Ademais, as persoas responsables das cacharelas deberán ter en conta cuestións relacionadas coa meteoroloxía, como a aparición de vento á hora do prendido e o mantemento das grelladas e fogueiras.

Prohíbese, asemade, a queima de pneumáticos, plásticos, aceites ou escumas de poliuretano, así como calquera substancia que ao arder desprenda fume tóxico. Tampouco se permitirá botar ao lume recipientes que conteñan líquidos inflamables e, por último, todo deberá quedar recollido antes das 10.00 horas do día posterior ás fogueiras.

Comentarios