Poio queda cun caixeiro para cada 2.500 veciños

Parroquias como Raxó ou Samieira carecen a día de hoxe de oficinas bancarias, mentres que en San Xoán só existe unha, en Campelo. O Concello iniciará contactos con entidades financieiras para tratar de que se amplíe a rede de dispositivos na vila
Un caixeiro en Poio. JOSÉ LUIZ OUBIÑA (ARQUIVO)
photo_camera Un caixeiro en Poio. JOSÉ LUIZ OUBIÑA (ARQUIVO)

Unha práctica tan cotiá como sacar cartos en efectivo dun caixeiro automático é practicamente unha odisea para miles de veciños de Poio. Son moitos os cidadáns que, para facer esta xestión tan sinxela, vense na obriga de saír do municipio e trasladarse ata Pontevedra ou Sanxenxo, en función da parroquia na que se atope. A día de hoxe, nos case 34 quilómetros cadrados de extensión da vila apenas se poden atopar algo máis de media ducia de dispositivos. Dos sete que están en funcionamento, máis da metade (catro) emprázanse na parroquia de San Salvador, entre as inmediacións da Ponte da Barca e a rúa Domingo Fontán. Tendo en conta que o concello conta cunha poboación de algo máis de 17.000 habitantes, cada caixeiro debería repartirse entre máis de 2.400 veciños.

O Concello de Poio non é alleo a esta situación nin tampouco ao malestar que provoca. Os dirixentes locais puideron comprobalo nunha reunión mantida recentemente con membros da directiva da Asociación de Veciños A Laxe de Raxó. Esta é unha das dúas parroquias poienses que carecen de oficinais financieiras, o que fai que os caixeiros máis próximos estean no centro de Sanxenxo, a máis de cinco quilómetros de distancia. Así llo transmitiron os directivos á concelleira de Participación Veciñal e Turismo, Silvia Díaz, que confirmou que o tripartito prevé iniciar contactos con diferentes firmas bancarias "para exporlles esta necesidade" e tratar de conseguir que se habiliten máis caixeiros no concello. "Os que hai actualmente son a todas luces insuficientes", admite Díaz.

Peticións feitas no pasado
Non é a primeira vez que a veciñanza de Poio esixe a instalación de caixeiros en diferentes puntos da vila. En 2013, con motivo do peche dunha oficina en A Seara, os residentes entregaron máis de 700 firmas para solicitar a súa repartira.

A petición caeu en saco roto, a pesar de que tamén contou co respaldo unánime da Corporación. En Raxó sucedeu algo similar pouco despois

A situación de Raxó non é a única. En Sameira tampouco existe este servizo. Tamén é especialmente grave a carencia que existe nunha localidade como San Xoán, a segunda máis poboada de Poio, só superada por San Salvador. Alí, unicamente en Campelo existe un local financieiro con caixeiro. Non obstante, tal e como indican algúns veciños, isto non fai disminuir as molestias, xa que o caixeiro pertence a unha firma concreta. "Un cliente do Santander non ten máis remedio que ir ata Pontevedra para sacar cartos", lamenta.

Nunha situación algo amenos acuciante atópase Combarro, que dispón de dous dispositivos, un no Camiño Real e outro en Francisco Regalado. Polo que respecta a San Salvador, son varios os residentes que coinciden á hora de apuntar que as catro máquinas que se aglutinan en parte do casco urbano tampouco son suficientes, xa que lugares como A Porteliña, Viñas ou Anafáns, que se atopan bastante alonxados da Barca, contan con este déficit. Fontes da Plataforma Veciñal de San Salvador calculan que só nestas zonas habitan uns 3.000 habitantes aproximadamente, o que se traduce en algo menos do 50% do censo total da parroquia.

Esta situación tamén se produce noutras vilas como Sanxenxo, onde, se ben é certo que o número de locais é moito maior, o servizo non chega ata núcleos moi poboados ou mesmo emprazamentos turísticos clave, como é o caso da Lanzada.

Comentarios