Marga Caldas urxe solucións para a Sanidade: "Xa hai axendas sen cita hasta decembro"

Poio volverá a convocar a Mesa da Sanidade ante as eivas do sistema, onde algunhas axendas de médicos están xa bloiqueadas para este mes

De esquerda a dereita, Xulio Barreiro, Marga Caldas, Raquel Rodríguez e Antón Briones, ás portas do ambulatorio de Combarro. JAVI CERVERA - MERCADILLO
photo_camera De esquerda a dereita, Xulio Barreiro, Marga Caldas, Raquel Rodríguez e Antón Briones, ás portas do ambulatorio de Combarro. JAVI CERVERA - MERCADILLO

"Dentro da grave situación que se está a vivir no país, Poio é un dos concellos máis agraviados e discriminados" polos recortes sanitarios. Así o defende a edil Marga Caldas, de Sanidade, que vén de anunciar que se convocará a mesa da materia do Concello para seguir demandando solucións aos problemas que padece o municipio. Tal e como defende Caldas, hai feitos como a decisión do Sergas de non reforzar o número de profesionais nos centros de saúde do municipio que demostran o nivel de discriminación que padece o concello.

"Na área sanitaria Pontevedra-O Salnés incrementáronse os médicos en varios concellos, pero non aquí, cando é evidente que os e as profesionais están desbordadas", critica Marga Caldas, que tamén adianta que o Concello solicitará unha reunión urxente co novo responsable da EOXI para solicitarlle "medidas urxentes".

A edil de Sanidade incide na gravidade da situación e adianta que, ademais de animar ao tecido asociativo a participar nas propostas, como a recollida de sinaturas, tamén se abordará durante a sesión a opción de emprender mobilizacións de protesta.

Caldas lembrou que "a día de hoxe hai dúas vacantes sen cubrir, unha correspondente a un profesional que exerce en Anafáns e Combarro e outra en Combarro".

Ademais, "tamén está a situación do ambulatorio de Raxó, no que a doutora, a piques de xubilarse, despacha citas tres días á semana, durante catro horas e só con cita previa. Os veciños e veciñas da parroquia teñen que desprazarse ata Anafáns en caso de urxencia, onde a saturación tamén é evidente. Todo iso provoca que as axendas se bloqueen e que xa teñamos axendas sen citas ata decembro", de modo que hai pacientes que non poderán ir ao seu médico este mes, salvo por urxencia, sinala a edil, que pide que se cubran "as vacantes" o antes posible para atallar esta situación.

Comentarios