Caldelas e Campo Lameiro apostan pola solidaridade

As parroquias de Campo Lameiro reuniron dúas toneladas de víveres, e os praceiros de Ponte Caldelas máis de 100 quilos de comida
O párroco de Campo Lameiro cos alimentos e xoguetes recadados. DP
photo_camera O párroco de Campo Lameiro cos alimentos e xoguetes recadados. DP

A solidariedade dos veciños e veciñas de Campo Lameiro logrou xuntar dúas toneladas e media de alimentos non perecedeiros e xoguetes para os nenos e nenas nunha campaña de recadación impulsada polo párroco Fermín Santiago, coa colaboración do Concello.

Estes 2.500 quilos de alimentos non perecedeiros serán entregados aos Servizos Sociais do Concello. Os técnicos municipais realizarán o reparto entre aqueles usuarios deste departamento que estean en situación de emerxencia social. 

Pese ás limitacións derivadas das restrición pola pandemia da covid-19, os veciños responderon de xeito moi positivo fornecendo as reservas de alimentos non perecedeiros de que dispón o banco local de Servizos Sociais. 

Por outra banda, desde o Concello animaron a que calquera persoa en situación de especial vulnerabilidade económica e que considere que necesita da atención dos Servizos Sociais que se dirixa ás dependencias municipais onde as técnicas lle prestarán todo o arroupo e colaboración que precisen. 

En Ponte Caldelas tamén impera a solidariedade. Así o demostraron os praceiros do Mercado de Abastos, que este mércores fixeron entrega dunha importante doazón de produtos frescos para repartir, a través dos Servizos Sociais, entre as familias vulnerables que teñen nenos pequenos. 

Os comerciantes iniciaron en novembro unha campaña solidaria coa instalación de urnas para que os clientes puidesen deixar os seus donativos. O recadado complementouse cunha importante aportación de cada un dos praceiros, que acabaron doando 18 coliflores, 12 piñas 17 quilos de plátanos, 17 quilos de laranxas, dez de mazás, 12 de dourada, 12 de robaliza e 18 de carne.

Comentarios