'Caldelas Tapas' vivirá a súa cuarta edición a partir do mes de xullo

Trece establecementos participan neste certame, que se ten revelado como un éxito e que xa alcanzou as 6.000 racións vendidas o pasado ano

A cuarta edición do concurso gastronómico Caldelas Tapas volverá ocupar as noites de venres do mes de xullo nos locais de hostalería de Ponte Caldelas. O xurado profesional formado polo cociñeiro Sergio Orge (gañador do concurso galego de tapas e xerente da cafetería Plaza, en Barro) e Conchi Amoedo (responsable da firma local Pica e Peca) fixeron a cata previa das elaboracións e depositaron, en sobre lacrado, o seu veredicto. O fallo será dado a coñecer a principios de agosto.

Trece establecementos participan nesta cuarta edición do certame, que se ten revelado como un éxito e que xa alcanzou as 6.000 racións vendidas o pasado ano. O xurado valorou especialmente a calidade das propostas gastronómicas e salientou tamén a abundancia das tapas, que se seguirán vendendo ao prezo de 2,50 euros con bebida básica incluída. O xurado volveu destacar a "xenerosidade" das tapas, que van máis alá dos dous bocados habituais, ata o punto de que máis ben poden cualificarse como racións.

O Concello elaborará o folleto e o cartel nos próximos días. As noites de tapas serán os días 6, 13, 20 e 27 de xullo. Os participantes deste ano son Tapería Alalá (Delicia de Verano), Verdugolandia (Chipirones rellenos), O Recanto (Dona Burguer), La Tribu (Flecha Marina), Acuña (O cóctel de verán), Asador del Chavo (Brocheta de pollo y sésamo con mayonesa de soja), Albergue Jamarte (Pincho marinado sobre migas y pesto), La Cucharita (Cucharita al escabeche), Cervecería Alameda (Delicias del parisién), Mesón Nolito (Dulce y salado), Mesón Parada (Brocheta de ultramar), Bora Río (Pan de allo con richada mixta) e Casa 501 (Milhojas de solomillo).

O Goberno local amosa a súa satisfacción pola "positiva impresión que a oferta gastronómica que Ponte Caldelas causou no xurado profesional". Os dirixentes do tripartito teñen claro que se trata "dunha oferta que está a crecer nestes últimos anos, impulsada pola programación sociocultural do Concello".

Comentarios