O cambio de chan no Pavillón de Lourido permitirá renovar outras dotacións

O Concello priorizará as obras, e unha vez arranxado, acollerá actividades do Multiusos da Seca durante a súa reforma
Marga Caldas noutra das instalacións que se están a renovar. DP
photo_camera Marga Caldas noutra das instalacións que se están a renovar. DP

Cun investimento de preto de 44.000 euros o Concello de Poio poderá iniciar os traballos para dotar dunha nova superficie ao pavillón polideportivo do CEIP Lourido.

A concelleira responsable da área de Deportes, Marga Caldas, ofreceu os datos desta intervención, que ten un papel moi importante para a área de Deportes, xa que estas instalacións xogan un papel moi importante para o tecido deportivo do municipio, xa que son utilizadas de xeito habitual por diferentes clubs e deportistas.

Este proxecto permitirá que "o pavillón pase a contar cunha superficie cunhas condicións óptimas para poder acoller competicións federadas", de xeito que a actuación "servirá para garantir unha mellor coordinación no que ao seu uso se refire".

O orzamento ascende a un total de 43.920,16 euros, IVE engadido e, unha vez estean adxudicados, os traballos desenvolveranse rápido, cunha duración aproximada dunha semana.

Ademais do servizo que o pavillón ofrece ao CEIP Lourido, a pista tamén verá incrementado o seu uso nos vindeiros meses, en canto comecen as obras de renovación no interior do Multiusos da Seca. "Estas obras provocarán o seu peche temporal, pero, para entón, o pavillón de Lourido estará en condicións óptimas para acoller competicións federadas e adestramentos", asegurou Caldas Moreira.

CÉSPEDE ARTIFICIAL. A medida únese á batería de actuacións que desde a Concellería de Deportes se están a impulsar para mellorar as infraestruturas deportivas. Unha delas leva en marcha xa varias semanas e consiste na renovación do céspede sintético do campo de fútbol da Reiboa, na parroquia de San Xoán. Grazas a estes traballos, o recinto pasará a contar cunha nova superficie de última xeración, homologada pola FIFA.

A empresa responsable dos traballos está a ser OPSA, e conta cun orzamento superior aos 200.000 euros. Esta mellora do céspede da Reiboa súmase tamén aos traballos que o Concello desenvolveu para mellorar e apostar polo mantemento das pistas exteriores, así como o dos circuítos da Escola de Ciclismo, situados todos no mesmo entorno.

Comentarios