
Dende que a campaña Quen é quen? saiu á luz o pasado mes de novembro, co obxectivo de fomentar o consumo de proximidade en Poio, aproveitando o impulso do Nadal, suma xa máis de 50 establecementos do tecido empresarial do municipio entre as súas filas. Por este motivo, o Goberno local calificou como "un éxito" a convocatoria para formar parte desta rede de establecementos e non descarta que a iniciativa poida ter continuidade no futuro, pasadas as datas de Nadal, para "seguir poñendo en valor os servizos e produtos dos establecementos locais e dar visibilidade ao tecido empresarial do municipio".
A campaña, que forma parte do programa Poio Confía, impulsado polas concellerías de Promoción Económica e Turismo, ofrece 5.000 euros en vales de compra e sorteos. Precisamente, na tarde do 29 de decembro sorteáronse os primeiros 10 cheques, por valor de 100 euros cada un, que os e as agraciadas poderán gastar nos locais que forman parte da rede. A responsable de Turismo, Silvia Díaz, e o concelleiro de Promoción Económica, Gregorio Agís, salientaron a "gran acollida" da iniciativa, tanto no "alto número" de establecementos inscritos como no nivel de compras que se están a rexistrar nos últimos días no comercio local. "A resposta está sendo magnífica, tanto é así que houbo negocios que non chegaron a poder adherirse dentro do prazo establecido, o que fala da gran demanda que está tendo", aseguraron.
Entre os 52 establecementos adheridos, pertencentes ás cinco parroquias de Poio, atópanse tendas de alimentación, cafeterías, bares, centros de fisioterapia, veterinaria, salóns de peiteado, ferraxerías ou autoescolas, entre outros comercios. Esta variedade é un dos "puntos fortes" da campaña, segundo Silvia Díaz e Gregorio Agís, xa que "permite ás persoas que aposten por facer as súas compras nestes negocios dispoñer dunha maior variedade á hora de poder gozar dos descontos".
Ademais dos descontos, a campaña tamén está a ter eco nas redes sociais e nas rúas de Poio, xa que o Concello pretende tamén "dar unha maior visibilidade" aos negocios a través da entrega de logos e cartelaría e difundindo información nas redes sociais de Poio Confía en canto aos servizos que ofertan os negocios, os seus produtos e outros datos de interese que aparecen no mapa interactivo, como emprazamentos e horarios. "Con esta ferramenta apostamos pola dinamización do consumo de proximidade, fomentando o espírito de rede e comunidade entre o tecido empresarial e a nosa veciñanza", coincidiron Agís e Díaz que, tras as primeiras semanas de campaña, xa se fixaron como obxectivo "consolidar esta sinerxia de cara ao futuro":
Quen é quen? forma parte da filosofía do programa desenvolvido por Promoción Económica e Turismo, que defenden que "a través de unión é como podemos axudar a dinamizar e mellorar a sustentabilidade do tecido empresarial do noso concello nestes tempos tan complicados, provocados pola pandemia".
Estes 4.000 euros restantes forman xunto cos 1.000 euros sorteados o pasado día 29, o total de 5.000 euros orzamentados para a campaña, que no marco de Poio Confía, busca alentar á veciñanza a realizar as súas compras na seguridade do comercio local co selo distintivo, que xa asesorou a máis de 100 empresas de Poio dende o verán.