Campelo volverá ser a capital da ameixa

Á mariñeira, con arroz ou con fideos son as tres modalidades nas que os e as asistentes á Festa da Ameixa poderán gozar deste estimado molusco a prezos populares

Presentación da XXXI da Festa da Ameixa de Campelo. DAVID FREIRE
photo_camera Presentación da XXXI da Festa da Ameixa de Campelo. DAVID FREIRE

A Festa da Ameixa de Campelo completará esta fin de semana a súa XXXI edición, o que a consolida como a a data máis agardada polos veciños e veciñas do lugar. Un ano máis, o evento gastronómico acollerá a milleiros de persoas que se achegarán á Praza da Granxa para degustar este preciado molusco que estará preparado á mariñeira, con arroz ou fideos.

A organización espera un gran número de público polo que o Concello de Poio puxo en marcha un plan especial de tráfico. Durante este fin de semana, habilitarán arredor de 1.500 aparcadoiros en fincas preto da Praza da Granxa e restrinxirán o paso a este lugar aos residentes mentres duren os festexos.

A celebración estará, como sempre, marinada con boa música. A Escola de Música Tradicional de Poio inaugurará os festexos este venres, ás 20.00 horas, cunha actuación onde tocará un amplo repertorio de temas populares. Corenta e cinco minutos despois terá lugar a homenaxe ás 26 mariscadoras e mariscadores a pé e a flote que se xubilaron durante o pasado ano.

FOTOGRAFÍA. Neste día tamén se procederá á entrega de premios do II Concurso de Fotografía Festa da Ameixa e a apertura da exposición deste certame. Nesta ocasión, os galardoados serán: Sonia Gullermina Sogo Lourenzana, co primeiro premio; Juan Carlos Fernández Pérez, co segundo, e Carlos Andrés Pereira, co terceiro.

O Coro Virxe de Fátima subirá ao esceario ás 21.45 horas e, ás 23.00 horas, será o turno do grupo Treixadura.

Á mariñeira, con arroz ou con fideos son as tres modalidades nas que os e as asistentes á Festa da Ameixa poderán gozar deste estimado molusco a prezos populares Os amantes deste bivalvo poderán degustalo a partir das 12.30 horas do sábado, cando abrirá a carpa de degustación. Os e as asistentes poderán gozar deste manxar das rías galegas a prezos populares.

O desembarco pirata e as actividades para nenos de 5 a 14 anos, na Illa dos Ratos, comezarán ás 15.30 horas. O Certame da Canción Mariñeira dará inicio ás 20.30 horas e, ás 23.00 horas, continuará a música ao son de Andy & Lucas.

PECHE DE OURO. Un pasarrúas a cargo da Banda de Música de Arcade amenizará a mañá do domingo. Logo, ás 12.00 horas, abrirá de novo a carpa de degustación de ameixas onde a propia banda ofrecerá un concerto unha hora despois.

O espectáculo infantil Períplo Atlántico fará as delicias dos máis novos a partir das 18.30 horas. Logo, o peche de ouro da festa será musical. Onte e Hoxe actuará ás 20.00 horas e, dúas horas despois, tocaralle ó grupo Claxxon.

Comentarios