O campo de billarda da Seca habilitarase como aparcadoiro de autocaravanas

A explanada servirá como 'plus' ao espazo dispoñible na área de servizo durante a Semana Santa, por un periodo de 24 horas como máximo por vehículo, para garantir a rotación
A explanada que se habilitará como parking na Seca. CEDIDA
photo_camera A explanada que se habilitará como parking na Seca. CEDIDA

Ante as previsións dunha Semana Santa alternativa na que Poio aposta polo turismo de proximidade, a Concellería de Seguridade Cidadá anunciou onte que, durante este periodo, os visitantes que acudan a Poio en autocaravana disporán dun plus de espazo de estacionamento, a maiores da área de servizo, polo que se habilitará o campo de billarda da Seca para o estacionamento deste tipo de vehículos.

A medida permitirá incrementar "de xeito notable" o número de prazas dispoñibles, tal e como indicou a responsable da Concellería, Marga Caldas, que explicou que se levará a cabo de xeito "excepcional" dende os vindeiros días ata o domingo 4 de abril engadido. Trátase dunha parcela que conta cunha extensión que supera os 1.600 metros cadrados, con capacidade para dar cabida a máis de 20 autocaravanas, segundo os cálculos da Policía Local. "Habilitaremos neste espazo un aparcamento disuasorio que será exclusivo para estes vehículos, tal e como xa fixemos, de xeito puntual, durante parte do mes de agosto do ano pasado", lembrou a concelleira.

O Goberno local admitiu que se trata dunha medida "necesaria para garantir o maior número de prazas posibles para dar resposta ás necesidades dos e das visitantes que apostan por este tipo de vehículos, sen que isto supoña un prexuízo para turistas e veciños que precisan de zonas para aparcar os seus turismos", indicou Caldas. Deste xeito, esta ampliación de espazos para estacionar autocaravanas non afectará ás prazas que xa existen na zona para automóbiles convencionais. Outra novidade ten que ver co período máximo de parada do que disporán os usuarios e usuarias, que quedará limitado a 24 horas tanto no campo de billarda como na área de servizo, que ten capacidade para dez unidades.

O Concello informou de que esta medida quedará xa implantada de xeito permanente, a fin de poder garantir a rotación de prazas dunha forma máis efectiva. Con respecto á ocupación temporal do campo de billarda, Marga Caldas adianta que "as datas de Semana Santa van servir como experiencia piloto, para ver que tal funciona esta medida. En caso de que a resposta sexa positiva, probablemente adoptemos tamén esta medida de cara aos meses de xullo e agosto, nos que existe unha maior demanda de prazas para autocaravanas. Para entón, efectuaríamos unha mellora no que ao reforzo da sinalización se refire, entre outras medidas", engade.

A habilitación deste espazo faise baixo a premisa do "respecto cara a contorna". A Policía Local de Poio realizará controis de xeito periódico para velar polo cumprimento destas directrices, a fin de garantir o correcto uso dos espazos e a convivencia entre turismos e autocaravanas. "Adoptamos estas medidas como resposta ás peticións que nos fan os usuarios e usuarias, pero tendo tamén en conta as peticións da veciñanza, dos visitantes que en tempadas estivais estacionan os seus turismos na Seca para desprazarse a pé ata Combarro e as necesidades de colectivos como as mariscadoras que faenan habitualmente na Seca", aclarou a concelleira.

Comentarios