Campo Lameiro aproba axudas para a natalidade e facilita a apertura de comercios

O alcalde anunciou que o Concello pechou o ano 2020 cunha tesourería duns 107.000 euros
Un momento do pleno no Concello de Campo Lameiro. DP
photo_camera Un momento do pleno no Concello de Campo Lameiro. DP

O Pleno da Corporación Municipal do Concello de Campo Lameiro aprobou por unanimidade dos concelleiros presentes (5 do PPdeG, 2 do PSdeG-PSOE e 1 de PorVir) a concesión de toda as axudas á natalidade solicitadas, modificou a ordenanza fiscal do imposto de construccións, instalación e obras (Icio) así como unha ordenanza que facilitará maior celeridade na apertura de establecementos comerciais no municipio.

Os concelleiros presentes no Pleno, tras coñecer o informe favorable da secretaria, votaron afirmativamente á concesión de tres axudas á natalidade consistentes en 500 euros repartidos en dúas anualidades (250+250 euros) co fin de contribuir a axudar aos proxenitores ou titores legais dos cativos empadroados no municipio nestes primeiros anos da vida dos pequenos.

Por outra banda, o Pleno aprobou unha modificación na ordenanza ordenanza fiscal do imposto de construccións, instalación e obras (Icio) mediante a cal pasarase a bonificar nun 60% esta taxa para vivendas de nova creación ou para reconstrución integral ou rehabilitación integral de vivendas baleiras en mal estado de conservación.

Para acollerse a esta bonificación, o interesado deberá presentar un proxecto técnico da obra. Esta bonificación do 60% do Icio farase efectiva unha vez que teña concedida a licencia de primeira ocupación que será cando se lle devolva eses carto xa que terá que abonar, inicialmente, o 100% da taxa no momento de iniciar tódolos trámites.

Ademais o Pleno aprobou unha nova ordenanza que axiliza ao máximo a apertura de novos locais comerciais no municipio e analizou outra sobre xestión da biomasa, distancia de plantacións e limpeza de fincas dentro da política xeral de loita e prevención contra os incendios forestais.

REMANENTE DE TESOURERÍA E EFICIENCIA ENERXÉTICA

Noutra orde de cousas, o alcalde Carlos Costa informou ao Pleno da marcha económica do Concello e adiantou que o peche do exercizo do ano 2020 fai vislumbrar que o remanente de tesourería situarase en torno a uns 107.000 euros o cal permite manter con solvencia os principais servizos municipais que se acometen desde esta administración local.

Tamén informou de que o concurso público para lograr unha mellor eficiencia enerxética no alumeado público municipal, que se sacou a licitación por uns 234.000 euros, adxudicouse a Setga por un montante que ronda os 200.000 euros e que se acometerán grazas a unha subvención do Idae e tamén contará cun pequeño aporte municipal con cargo ao Plan Concellos.

No capítulo de mocións non prosperou ningunha das presentadas por PorVir ao non contar cos apoios suficientes dos demais grupos que compoñen a Corporación Municipal e no apartado de rogos e preguntas o alcalde Carlos Costa foi contestando ás que se lle plantexaron entre elas unha de PorVir sobre o retraso na celebración dos plenos, cuestión que admitiu o rexedor, pero xustificou primeiro por un erro nas cantidades asignada pola Deputación ao Concello, que provocou que houbera que refacer os orzamentos municipais e outro retraso polo Covid xa que houbo persoas directamente encargadas da xestión do mesmo e que tiveron que gardar unha prolongada coarentena que impediu a celebración ata agora.

Entre as preguntas plantexadas pola oposición figuraron varias sobre a necesidade de arranxar unha serie de pistas e camiños municipais ao que o alcalde contestou que estaban non so esas na axenda do equipo de goberno senón outras máis que foi repasando e comunicando ao Pleno, lugar por lugar (os 33 que compoñen o municipio), aínda que asegurou que se estaban acometendo por orden de prioridade e, sobre todo, para garantir o acceso de ambulancias e vehículos de emerxencias a diversas casas, como xeito que marcaba a urxencia ou mesmo o risco de desplome ou perigo para a veciñanza.

Costa recoñeceu que non se poderían acometer todos eses arranxos nun so ano e que ao longo da lexislatura se irían acometendo todas e cada unha delas, dentro da disponibilidade orzamentaria de que dispoña o Concello e a súa capacidade de xestión ante Xunta e Deputación.

Tamén trataron os problemas que presenta a depuradora da Laxe sobre a que se actuará en breve para substituír unha tubaxe de condución e solucionar a entrada de pluviais nas instalacións, causantes da súa saturación.

En canto ás papeleiras e contedores no centro da vila, o alcalde sinalou que se acometerá a súa substitución nos próximos días xa que está xa adxudicada a unha empresa, ao igual que a sinalización do casco urbano. Tamén informou de que o Concello xa enviou varios escritos, tamén a través da Fegamp, a varias compañías telefónicas para mellora-la cobertura en varios lugares do municipio, entre eles Armonda, tal e como lle solicitaron no Pleno desde a oposición.

Comentarios