Campo Lameiro | Os concelleiros actuais dividense entre PP, PSOE e Por Vir, BNG aposta pola xuventude

No goberno local de hoxe, cinco concelleiros son do PP, dous do PSOE e dous de Por Vir
De esquerda a dereita: Carlos Costa (PP), Belén Búa (BNG), Adrián Vidal (PSOE), Martina Viéitez. DP
photo_camera De esquerda a dereita: Carlos Costa (PP), Belén Búa (BNG), Adrián Vidal (PSOE), Martina Viéitez. DP

Carlos Costa, candidato do PP: "O noso centro de estancia ten que funcionar ao 100%"

Carlos Costa. DP
Carlos Costa. DP

Que tal foi o seu primeiro mandato. Saíu como se imaxinaba?
Para nada. Substituír a un alcalde que leva tanto tempo como levaba Julio Sayáns é moi complicado. E despois, veu a pandemia. Ninguén sabía que facer e eu penso humildemente que o fixemos ben. Fomos dos primeiros en dar mascarillas, desinfectamos, levamos os deberes aos nenos e os medicamentos aos maiores. Pero foi complicado. Houbo moito medo e unha responsabilidade enorme.

Son un concello con poboación moi maior, pero non moi afectado pola covid.
A xente concienciouse, e de aí saíu que foramos un concello que non tivo mortes por covid. Posiblemente por ser un concello rural.

Beneficioulles selo na pospandemia? Recibiron poboación?
Pois hai novas altas e empadroamentos case cada semana. Pero nós temos un 48% da poboación que pasa dos 65 anos. Unha barbaridade! De xeito que, aínda que vén xente nova, a perda de poboación aféctanos moito máis.

Isto é un condicionante para facer políticas municipais?
Moito. O noso enfoque no mandato será a xente maior, co noso centro de estancia. Temos que comprar un transporte adaptado para traer aos maiores...

Para o centro de estancia fixo encaixe de bolillos coas contas?
Algo si. Tivemos que ter cooperación da Xunta, da Deputación e fondos propios. Somos un concello que ten que actuar así. Tamén tivemos que pelexar contra Abanca para que non se fose. Somos un pobo moi unido e tamén a oposición se uniu. Ao final pecharon, cousa que non vexo ben, pero temos a banca móbil tres días á semana. E ata pararon cos recortes noutros concellos.

Entón as administracións ás veces esquecen o rural ou non?
Pois si. Ten que haber máis implicación de todas as administracións: Xunta, Deputación e Goberno central. Enchen a boca dicindo que apoian ao rural, pero non é suficiente.

Que destaca do seu programa?
Os nosos proxectos son: os maiores e o turismo. Os maiores, co centro de estancia que ten que pasar de funcionar tres días a render ao 100% co microbús adaptado e, se se pode, cunha residencia na que conserven independencia, con cuartos individuais e un gran comedor colectivo no que socializar. Serían unhas 20 prazas. E o turismo é o tren que nos pasa pola porta e temos que collelo.

Non poden renunciar a atraer á xuventude. Como se loita por eles?
Pois mire, a xente maior e coidala xenera emprego e actividade. De aí que queiramos talleres e obradoiros tamén para promover o envellecemento activo. E tamén tivemos a sorte de ser capital de turismo rural. Imos explotalo e promover o turismo como actividade económica. Queremos ter un selo de turismo de calidade, implicar aos comerciantes, converternos en destino starlight, de turismo de observación astronómica, crear dous miradoiros, ampliar as rutas de sendeirismo...

Que lle tería gustado facer?
Gustaríame ter feito todo o que prometía no programa, pero non sempre se pode acabar todo en catro anos. O saneamento, por exemplo, comezouse, pero teño tamén proxectos en redacción, como o de Mullerboa e Cerdeiras e Fontenla, entre outros.

Belén Búa, candidata do BNG: "Aquí o PP finxe que fai; soa gracioso pero é triste"

Belén Búa. DP
Belén Búa. DP

Por que quixo ser candidata?
Teño 26 anos e non entraba nos meus plans, pero tiven ocasión e dei o paso. Aínda estando como está de mal, non cambiaría Campo Lameiro por nada e dáme pena. Perder xente, perder servizos, perder todo... Os da miña idade, xa din: "Aquí non hai nada, hai que ir a Pontevedra" e dáme rabia.

Que é urxente para o concello?
O máis urxente é deixar de perder servizos: perdemos o banco, e o médico vai polo mesmo camiño. Temos un e ás veces nin está. Hai un mes fun por urxencias pola maña e mandáronme a Lérez, pois non estaba o médico. Eu podía, pero e os maiores, que non conducen? Non é o mesmo pagar un taxi ata aquí que ata Lérez. Hai que frear isto como sexa.

Que lle reprocha o BNG ao PP?
O alcalde e o PP puideron traballar. Eles deixan pasar. Se a xente non se entera dos problemas, perfecto. Cando a xente se queixa, el recíbete e dache o seu apoio e moito "si, si", pero non move nada. Aquí o PP finxe que fai cousas. Pode soar gracioso, pero é triste.

Que máis a preocupa?
Ser capital da Arte Rupestre e ter todos os petróglifos cheos de maleza e coas pasarelas a caer.

Adrián Vidal, candidato do PSOE: "En Campo Lameiro estamos ante unha pasividade letal"

Adrián Vidal. DP
Adrián Vidal. DP

Cal é o reto, desbancar ao PP ou superar o traballo feito por Paz Vidal, súa nai e anterior candidata?
No plano persoal si teño ese reto de estar á altura dela. O traballo que fixo Paz Vidal polo PSOE en Campo Lameiro ben se ve. Agora si somos unha agrupación solvente, podemos presentarnos cun traballo serio. E iso lévame a dicir que esta cita electoral, e poder darlle a volta a 40 anos de dereita, tamén é un gran reto.

Como foi o labor de oposición?
Tivemos que estar unidos ao Goberno co tema do banco, co da sanidade, coa covid, cos eólicos. Foi complicado por eses ataques externos, como o de Abanca. Era prioritario estar unidos, pero iso non nos impide criticar o que non se fai.

E que é o que non se fai?
Non se defenden os recursos. Nós pedímoslle acción, fronte á inacción. Que busque medios. Aprobouse a nosa proposta de recuperar o castro de Penalba, e en catro anos non se fixo nada. No plano democrático, levamos nove meses sen plenos e, por resumilo, estamos ante unha pasividade letal. Non se chama ás portas, non se loitan os fondos europeos, nin á Xunta lle pide. Mire o caso do SAF...

Que sucede?
Que cada día hai máis usuarios, cunhas 900 horas ao ano. Iso afóganos economicamente e o alcalde non lle pide máis achegas á Fegamp, á Xunta, nin a ninguén. E todos sabemos que os usuarios serán máis.

Que promete o PSOE?
Realismo: un programa sen nada deslumbrante, un proxecto turístico serio, lograr recursos e ser capaces de darlle a volta ao tema da vivenda cun PXOM e fixar poboación.

Martina Viéitez, candidata de Por Vir:  "Neste Concello entre pleno e pleno pasan nove meses"

Martina Viéitez. DP
Martina Viéitez. DP

Por Vir deu a sorpresa na anterior convocatoria. Estes catro anos foron como esperaban?
Non pensabamos que ser oposición fose tan intenso. Aprendimos a facer esa tarefa.

Houbo causas que obrigaron a aparcar a crítica e a unirse?
Nós cremos que na covid o Goberno actuou pola súa conta. No caso de Abanca si sucedeu. Nós apoiamos, aínda que ao final prefeririamos ter estado nas negociacións, a nosa opinión non se tivo en conta. Nós o enterro, si o viamos fóra de lugar...

Cal é ó seu diagnóstico de Campo Lameiro?
Falta transparencia e xestión.

En que sentido?
Nin os grupos municipais nin a veciñanza teñen acceso á información. Ata os colectivos como o que está contra os eólicos non reciben as respostas. Levan e nós como oposición levamos meses agardando respostas. Aquí, a documentación pode consultarse só os luns de 9.00 a 10.00. A veces chegamos e non está. A lista é tremenda. Neste concello entre pleno e pleno pasan nove meses.

Vostede coñece o agro e a rúa. Como ve o seu municipio?
Ao rural non o escoitan. Só Por Vir escoita o rural. Na campaña é clamoroso, a mellor guía de traballo. Ante iso queremos fixar poboación, desde a infancia ata os maiores. Hai que crear actividade, traballo e vivenda. Necesitamos o PXOM. Necesitamos poder construír. E estamos ante un concello envellecido: queremos un plan de atención aos maiores sós e nos seus lugares, non no centro de día. Hoxe por hoxe, o Concello non sabe nin cantos maiores viven sós, ou cantos se poden permitir algo tan elemental como as tres comidas ao día.