lunes. 23.05.2022 |
El tiempo
lunes. 23.05.2022
El tiempo

Campo Lameiro estrea a unidade bancaria móbil cunha boa afluencia

undefined
Varias persoas agardando este martes a súa quenda para acceder á unidade móbil de Abanca en Campo Lameiro. DP
O alcalde, Carlos Costa, cuestionou a "eficiencia" de desprazar "un autobús e tres empregados" ao municipio e non reabrir a oficina

A veciñanza de Campo Lameiro recuperou na mañá deste martes o servizo bancario presencial por parte da entidade Abanca, que xa fixo efectivo o peche da única oficina que, ata o momento, mantiña no municipio. O servizo regresou, segundo o pacto entre o Concello e a entidade, a través dunha unidade móbil desprazada por Abanca ata o municipio, e que, entre as 9.00 e as 14.00 horas, atendeu  un cento de persoas, a gran maioría de idade avanzada.

A unidade móbil, consistente nun autobús e tres empregados, estivo estacionada ao longo da mañá nas inmediacións da Praza do Concello, atendendo a un bo número de persoas que precisaron facer xestións de xeito presencial. Neste sentido, o alcalde, Carlos Costa, valorou que se recuperasen os servizos bancarios presenciais no municipio, aínda que puxo en dúbida a "eficiencia da medida por parte de Abanca", xa que "dispón de oficina en propiedade".

"Certamente non vemos como lles pode resultar máis vantaxoso trasladar un autobús e tres operarios nesta unidade móbil, en lugar de abrir a oficina que teñen aquí, perfectamente adaptada, ampla, moderna e con todas as comodidades, e que era moitas veces atendida por unha soa persoa. En fin, son cousas que terán que analizar eles", manifestou Costa.

O rexedor, ademais, anunciou que se porá en contacto cos responsables territoriais de Abanca para solicitar medidas que faciliten un mellor acceso á unidade móbil bancaria, que conta con dúas escaleiras "un tanto incómodas para as persoas con dificultades de mobilidade", polo que pedirá a colocación dunha rampa para persoas en cadeira de rodas. O alcalde transmitiu o seu desexo de "seguir dialogando" para acadar "a reapertura da oficina".

Campo Lameiro estrea a unidade bancaria móbil cunha boa afluencia
Comentarios