Campo Lameiro outorgou 3.000 euros en axudas á natalidade durante o 2021

Os tres grupos políticos con representación no Concello acordaron revisar "de inmediato" a contía, para que a partir de 2022 as familias que se acollan a esta liña poidan recibir maiores achegas

O Concello de Campo Lameiro repartiu 3.000 euros en seis axudas á natalidade durante do 2021, por un un importe de 500 euros cada unha. De feito, a sexta axuda á natalidade do ano, a satisfacer en dúas anualidades de 250 euros, aprobouse por unanimidade no último Pleno da Corporación.

A maiores, os tres grupos políticos con representación na Corporación acordaron revisar "de inmediato" a contía das achegas, para que a partir do ano 2022 as familias que se acollan a esta liña poidan recibir unha maior axuda económica. Os voceiros municipais quedaron en consensuar unha proposta conxunta de modificación da Ordenanza vixente para que se poida aplicar de xeito inmediato. Polo momento, o cambio adaptarase á maior brevidade, e dentro deste mes, cando se convoque o Pleno extraordinario para aprobar os Orzamentos Municipiais para o ano 2022.

O Pleno tamén aprobou dúas solicitudes de bonificación do Imposto de Construción, Instalacións e Obras (ICIO) e a modificación da ordenanza fiscal do servizos de recollida de lixo para aclarar a obriga dos establecementos comerciais de "facerse cargo do pago desta taxa aínda que non estean abertos ao público".

Ademais, tamén se aprobaron as bases reguladoras das axudas por danos derivados da pandemia para autónomos e empresas, e que proceden de fondos da Deputación un máximo de 500 euros por establecemento e de 300 euros para os non obrigados a pechar.

Comentarios