A canceira de Poio encara o inverno máis duro: "Hay dos adopciones bloqueadas"

Fogarcan alerta de que os cans vellos "ya no aguantan aquí". As restricións frean a actividade
2020110913084982507
photo_camera As voluntarias da canceira municipal desenvolven o seu labor de xeito desinteresado. RAFA FARIÑA (ARQUIVO)

O inverno que se aveciña podería ser o máis duro en moito tempo no refuxio de animais Fogarcan de Poio. A unha poboación de cans envellecida que "ya no aguanta bien los inviernos aquí", hai que sumarlle as limitacións que trouxeron consigo as restricións sanitarias no municipio, que xa nestes últimos días impediron dúas adopcións.

"Tenemos estas adopciones bloqueadas y sin posibilidad de realizarse porque una de las familias es de A Coruña y tenía previsto recoger al perro estos días. La otra es de Vigo, y tenemos pendiente realizar la entrevista en su domicilio, que por el momento tampoco puede ser", explica a tesoureira de Fogarcan, Elisa López Puello.

Para a asociación xestora do refuxio, a adopción de dous cans antes do inverno supón alixeirar "increíblemente" a carga de traballo e tamén as preocupacións, xa que, nestes momentos, Fogarcan atópase ao límite da súa capacidade. "El refugio tiene capacidad para unos 40 perros y ahora mismo estamos en los 43. Las entradas de animales nunca se restringen, y estas dos adopciones habrían significado mucho", asegura.

A canceira de Poio conta con entre cinco e 10 voluntarios e voluntarias dependendo da época, e con entre 10 e 15 persoas que se ofrecen a pasear os animais, unha actividade que agora se viu limitada á realización de paseos individuais exclusivamente, pero que segue a ser necesaria para dinamizar a vida dos inquilinos do refuxio. Deste xeito, López Puello lembra que, se ben se suprimiron os paseos en grupo por mor das restricións, quen estea interesado en realizar paseos individuais pode facelo aínda sen ningún problema os sábados pola mañá a partir das 10.00 horas. Ademais, é posible realizar tamén paseos entre semana con cita previa, chamando ao teléfono 620 14 60 33.

URXENCIAS. O refuxio, de titularidade municipal, no que a asociación desenvolve o seu labor en colaboración co Concello de Poio, co que "paso a paso vamos trabajando bien", atopa agora unha gran preocupación no inminente inverno. "Tenemos perros muy mayores y los inviernos en el refugio son muy duros", sinala a tesoureira. Nestes momentos, Fogarcan busca urxentemente casas de acollida para varios candidatos.

En primeiro lugar está Oso, que lle foi retirado ao seu anterior dono, que o tiña en moi malas condicións. "Ahora está descubriendo el mundo, todo le gusta, está feliz y ya se tiene en pie", explica Elisa. Tamén está Gandalf, un pastor alemán de avanzada idade que "lo único que hace es mirar por la puerta para fuera, quiere irse ya". Tamén precisa un fogar de acollida Sabela, unha cadela que ten que baixar de peso para poder operarse dun pequeno vulto, e tamén Wilson, un cruce de setter cun carácter tranquilo e moi amigable que busca unha familia para mellorar as súas condicións de vida na calor dun fogar.

Máis fotos e historias no sitio web de Fogarcan 
Xa sexa para acoller ou informarse sobre adopcións, calquera interesado pode acceder ao sitio web de Fogarcan (www.fogarcan.blogspot.com) e consultar as fotos e historias dos animais clicando na pestana 'Cans en adopción'. No menú da dereita, no apartado 'Buscador de cans', atópanse os casos que precisan axuda urxente.

Comentarios