A Canceira de Poio logrou 82 adopcións en 2022 e coida a uns 30 cans e gatos

A área de Medio Ambiente fai un balance positivo do último exercicio e enxalza o papel de Amigos da Canceira na xestión das instalacións
Martínez Blanco e Caldas coas representantes de Amigos da Canceira. DP
photo_camera Martínez Blanco e Caldas coas representantes de Amigos da Canceira. DP

A Canceira de Poio foi quen de facilitar un total de 82 adopcións de cans e gatos no transcurso do ano pasado. Así o destacaron o luns o edil de Medio Ambiente, Xosé Luís Martínez, e a de Seguridade Cidadá, Marga Caldas, tras reunirse coas representantes da Asociación Amigos da Canceira de Poio, a través da que se xestiona, na actualidade, este espazo de acollida dos animais abandoados.

A cifra, máis alta que a de anos anteriores, supón que houbo un acollemento de animais cada cinco días no transcurso de todo o ano, e dá, a xuízo dos concelleiros, unha boa proba da capacidade de compromiso e implicación da asociación que se encarga desta tarefa.

En canto aos animais que neste momento están acollidos nas instalacións, o Concello apunta que se trata de preto de 30 cans e gatos.

Durante a reunión tamén se fixo un repaso das actividades e iniciativas nas que se implicou de xeito activo a Asociación Amigos da Canceira, como foron a participación en mercadillos solidarios ou as visitas realizadas a ludotecas, centros educativos ou a centros de maiores. Xosé Luís Martínez recalcou que este tipo de propostas "xogan un papel moi importante á hora de fomentar as adopcións, ao tempo que tamén se traballa na concienciación para loitar contra o abandono de animais". Tanto os dirixentes municipais como as responsables do colectivo lembran que a veciñanza ten a posibilidade de tomar parte nas saídas polo monte que se levan a cabo todas as semanas, de luns a sábados, en horario de mañá.

A canceira municipal conta desde principios do ano 2020 cunha persoa contratada a xornada completa, que se encarga de realizar traballos de posta a punto, mantemento e limpeza das instalacións, que se atopan na parroquia de Combarro. Ademais, na reunión tamén se abordaron as melloras que se levaron a cabo nas dependencias e para reforzar o servizo.

O Concello de Poio comezou a facerse cargo dos animais abandonados no seu territorio hai xa case 25 anos, aínda que aquel recinto de titularidade municipal evolucionou co paso do tempo cara o espazo no que hoxe traballa a Asociación Amigos da Canceira. Deste xeito, tal e como destacou Martínez Blanco, Poio pode considerarse pioneiro entre os concellos da comarca ao contar con estas instalacións."A día de hoxe non son moitos os concellos que contan con canceira municipal, pero para nós o coidado dos animais é prioritario", destaca.

Comentarios