A Canceira de Poio modifica o sistema de adopcións durante o estado de alarma

Coa cheagada do Covid-19 ao territorio español, a Canceira de Poio llegue coa súa actividade, pero cuna horarios adaptados ao estado de alarma
Voluntarias da Canceira o pasado mes de decembro. RAFA FARIÑA
photo_camera Voluntarias da Canceira o pasado mes de decembro. RAFA FARIÑA

A Canceira de Poio mantén a súa actividade durante o estado de alerta vixente, se ben tivo que modificar o protocolo de adopcións para adaptarse ás actuais circunstancias. Nas dependencias situadas na parroquia de Combarro hai aproximadamente medio cento de cans. O concelleiro de MedioAmbiente, Xosé Luís Martínez, explica que actualmente o operario municipal que traballa na posta a punto e limpeza das instalacións, e que foi contratado a principios deste mesmo ano, está acudindo as mesmas tres veces á semana. Ademais, a Asociación Fogarcan tamén está moi pendente do coidado dos animais. “Estanse tomando as medidas de prevención, mantemento de distancia mínima entre persoas e hixiene que recomendan as autoridades sanitarias para facer fronte á Covid-19”, indica o edil. 

O traballo estase a desenvolver “con normalidade”, recalca Martínez, que sinala que se mantén activo o servizo de recollida de animais abandonados. Neste sentido, a Concellería de Medio Ambiente detectou unha redución de casos de abandono no que vai de mes. En canto ao sistema de adopción, modificáronse os protocolos previos para dar cumprimento ás medidas marcadas polo estado de alarma e a situación de confinamento, que, de momento, se manterá vixente ata o vindeiro 11 de abril. Xosé Luís Martínez confirma que a día de hoxe permanecen suspendidas as entrevistas persoais previas que os membros de Fogarcan adoitaban a realizar coas persoas interesadas en adoptar. “O que se está a facer é solicitar referencias e informes. O proceso é un pouco diferente, pero seguimos sendo moi rigorosos. Do que se trata é de garantir que os cans acaban en familias axeitadas”, indica o concelleiro de Medio Ambiente, que agradece a implicación e o “gran traballo” que está desenvolvendo a Asociación Fogarcan, a pesar das circunstancias. 

Actualmente o que si se suspendeu foron as saídas de voluntarios que se realizaban cada fin de semana para pasear aos animais que permanecen na canceira. “Retomaranse cando se levante o estado de alarma”, informa Martínez. O Concello de Poio é un dos poucos da provincia de Pontevedra que dispón dunha canceira municipal. Trátase dun servizo que permanece operativo desde mediados da década dos 90, coincidindo coa chegada á Alcaldía do actual rexedor, Luciano Sobral.

Comentarios