O Canteirafest volve a Vilaboa cos artistas do ano pasado

O evento musical celebrarase o 17 e 18 de setembro e recuperará o cartel que fora preparado para a edición que se cancelou en 2020
Organizadores e o alcalde na presentación do festival. CEDIDA/ CONCELLO DE VILABOA
photo_camera Organizadores e o alcalde na presentación do festival. CEDIDA/ CONCELLO DE VILABOA

O Concello de Vilaboa presentou a terceira edición do seu festival de verán: o CanteiraFest Desconfinado. Un evento que se vai celebrar ao peche do verán, como é habitual, nos días 17 e 18 de setembro.

Este ano o acontecemento, que en 2020 se tivo que aprazar por mor da panemia, cambiará de formato. En efecto, tratarase dun festival a pequena escala cun sistema de control de aforo que estará limitado a 1000 persoas por día.

A esencia do festival é feminista e LGTBI e desta volta os temas transversais serán a transexualidade e as mulleres. Por esta razón, a súa presentación acudiron membras da Asociación da Mocidade de Vilaboa, organizadora do festival, o alcalde de Vilaboa, César Poza, a produtora Xeitosa representada por Sheila Patricia, A Rabela e unha integrante da Asociación de Mulleres de Vilaboa.

O festival será de pago por primeira vez na súa historia

O cartel deste ano manterá a artistas do pasado verán, aínda que con pequenas modificacións. Así, asistirán invitados tales como Pauliña, Verto, Cuarta Xusta, A Rabela, Bravatukas, O Gato de Chesaire, Lisdexia, Zeltia Irevire, Paula doCampo Dj e a compañía teatral Migallas. Ademais, desenvolveranse diversas actividades, dende charlas e coloquios, ata diferentes obradoiros.

Os organizadores, na busca da aposta pola cultura, cobrarán entrada por vez primeira. Porén, o acceso poderá realizarse mediantediante tres formatos: entrada de cinco euros para un dos días, de sete euros para asistir os dous días e, por último, o aluguer dunha parcela demarcada para un grupo de dez persoas que permite a asistencia ambos días. A adquisición das entradas poderá efectuarse a través da plataforma virtual enterticket.es.

Comentarios