Carballedo acolle un curso de caracterización coa maquilladora de 'Fariña'

Unha escea da serie 'Fariña'. DP

A actividade, que terá lugar este xoves, será impartida por Marián Simón, nominada aos Premios Mestre Mateo polo seu traballo na longametraxe 'Trote'

O Concello de Cerdedo-Cotobade vai celebrar este xoves un obradoiro de maquillaxe de fantasía para o público familiar co obxectivo de complementar os disfraces de Entroido.

Esta actividade vai ser impartida por Marián Simón, que está nominada aos Premios Mestre Mateo na categoría de maquillaxe e perruquería polo seu traballo na longametraxe Trote. Esta profesional conta cunha dilatada traxectoria e foi a maquilladora de series como Fariña, O Sabor das Margaridas ou Lobos e Cordeiros e de programas de entretemento como Ti Verás.

NO MULTIUSOS. A sesión, que forma parte da programación de Entroido do concello fusionado, impartirase de 17.00 a 20.00 horas no espazo do salón multiusos emprazado no baixo do Consistorio de Carballedo, permitirá aos participantes coñecer trucos e técnicas sobre a maquillaxe de fantasía para mellorar os seus disfraces de cara ás próximas datas de Entroido ou caracterizarse dos seus persoeiros favoritos.

A inscrición, fixada nun custe de 30 euros por parella, permanece aberta e pode formalizarse, ou recabar información, a través do teléfono 649 077 706.