Carballedo acolle a primeira xornada lobeira de AECAM

Acudirá Odile Rodríguez, filla de Félix Rodríguez de la Fuente

Membros de AECAM con Jorge Cubela. DP
photo_camera Membros de AECAM con Jorge Cubela. DP

Carballedo vai acoller na xornada deste domingo a primeira Xornada do Lobo, organizada pola Asociación Educativa Animales del Mundo (AECAM) e que contará coa participación de Odile Rodríguez de la Fuente, filla do emblemático naturalista Félix Rodríguez de la Fuente e presidenta da Fundación que leva o seu nome, e de recoñecidos e prestixiosos biólogos e naturalistas.

Esta actividade, que conta coa colaboración do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural, a Consellería de Medio Ambiente e o Concello de Cerdedo-Cotobade, foi presentado na contorna do consistorio coa presenza do presidente municipal, Jorge Cubela, e dos propios representantes de AECAM.

Este evento, que espertou un gran interese entre amantes da natureza e da figura do lobo ata completar todo o seu aforo, vaise desenvolver durante todo o día con charlas da propia Odile Rodríguez de la Fuente, de Carlos Sanz, biólogo do programa televisivo El Hombre y la Tierra, ou de coñecidos naturalistas como Miguel Mosquera e veterinarios como Francisco Lema.

Ademais, a organización tamén ten previstas certas actividades sorpresa en torno aos cánidos salvaxes e os seus segredos como unha ruta de sendeirismo pola contorna.

O presidente municipal destacou na presentación o "incrible traballo" realizado pola asociación cotobadesa AECAM para conseguir un programa que calificou de "luxo, xa que vai traer a xente moi prestixiosa do mundo natural, recoñecida en toda España, ás nosas terras". Ademais, quixo engadir que as terras de Cotobade sempre estiveron moi vinculadas ao lobo e proba delo e a existencia de numerosos foxos seculares para proceder á súa caza.

"Estamos moi satisfeitos de poder acoller un evento destas características que, pola importancia dos seus poñentes, ben seguro que é dos máis importantes de España en torno ao lobo e isto vainos seguir dando proxección por todo o país e ademais por motivos naturais e medioambientais, que son dos que nos sentimos moi orgullosos", concluiu.

Comentarios