Carlos Núñez actuará en Viascón ante un aforo de 700 persoas

A iniciativa forma parte dos Concertos do Xacobeo e será un homenaxe a Ricardo Portela no 30 cabodano do seu pasamento ► Aínda hai prazas libres para acudir a este recital para o que é preciso retirar as entradas nas oficinas municipais

Presentac Carlols Núñez
photo_camera O acto de presentación, diante da igrexa de Viascón. OUBIÑA

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro e o alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, presentaron este martes o concerto de Carlos Núñez, homenaxe a Ricardo Portela, que terá lugar este sábado no adro da igrexa de Viascón, no marco dos Concertos do Xacobeo e coincidindo coa programación festiva da parroquia de Viascón.

Con actuacións coma esta, segundo Nava Castro, "dicímoslle a España e ao mundo que Galicia está preparada para o turismo e para ser un referente tanto en concertos como en festivais. A Xunta segue presente nos principais concertos e festivais que se están a celebrar por toda Galicia", lembrou.

A responsable fixo especial fincapé na distribución dos diferentes espectáculos culturais, artísticos e deportivos programados nas diferentes vilas e cidades de Galicia, o que posibilita que todas as comarcas de Galicia poidan achegarse a esta celebración.

"Grazas a iniciativas coma estas, nas que xeramos sinerxías con outras administracións, conseguimos a presenza de artistas de renome noso territorio, e con isto promovémolo turística e culturalmente", manifestou a directora de Turismo de Galicia.

O Concello anima aos e ás interesadas a retirar as entradas para acudir nas oficinas municipais, pois, sen elas, non se poderá acceder ao recinto

Os Concertos do Xacobeo é unha iniciativa da Xunta, que entre os meses de maio e novembro deste ano, mantén unha programación de música en vivo con máis de 100 acontecementos por toda Galicia. Neste programa de concertos participan máis de 500 bandas e artistas.

O alcalde de Cerdedo-Cotobade, pola súa banda, explicou que este concerto é gratuíto pero de aforo limitado. A mecánica para poder asistir é moi sinxela: só hai que retirar as entradas no consistorio de Carballedo.

Hai un aforo de 700 prazas para este certame e todas son gratuítas, pero por motivos de seguridade non será posible acceder ao recinto sen un destes boletos, de xeito que o rexedor anima aos veciños e veciñas a achegarse ás oficinas municipais para solicitar as súas.

AGRADECEMENTO. Cubela salientou a importancia e a oportunidade que suporá para os músicos das catro agrupacións folclóricas do municipio poder compartir en dúas pezas escenario con Carlos Núñez a quen agradeceu tamén todas as facilidades para se producira esta coincidencia dentro dos actos de homenaxe a Ricardo Portela, que precisamente este ano se cumpre o 30 cabodano do seu falecemento.

Ademais, representantes das catro agrupacións folclóricas agradeceron a oportunidade de compartir escenario con Carlos Núñez en dúas pezas que se van a interpretar durante o concerto para as que xa están ensaiando.

Comentarios