Carmela Silva invita a visitar o Castelo de Soutomaior, un "destino seguro"

A presidenta provincial supervisou este martes todas as medidas de protección incluídas nos plans de continxencia
Toma de temperatura a Carmela Silva, na súa visita deste martes. DEPUTACIÓN
photo_camera Toma de temperatura a Carmela Silva, na súa visita deste martes. DEPUTACIÓN

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, visitou este martes o Castelo de Soutomaior, do que destacou a súa confirmación como un "destino seguro", tras reabrir as súas portas a pasada semana.

Carmela Silva supervisou todas as medidas de protección incluídas nos plans de continxencia que, "de forma exhaustiva, garanten a seguridade e tranquilidade de visitantes e do persoal do castelo", sinalou.

A mandataria provincial mostrouse confiada en que "o empeño e traballo por gañar en calidade turística daranos novos froitos moi pronto". Así, Carmela Silva sinalou o avance dos traballos para que o castelo, que xa é destino Sicted (Sistema Integral de Calidade Turística en Destinos), poida optar ao distintivo Q de calidade.

Ademais, tamén anunciou que o castelo camiña cara á obtención do selo Observer, a primeira certificación europea especializada na posta en valor dos espazos de turismo científico, que no caso de Soutomaior subliñaría os seus valores históricos e botánicos.

Para este mércores está previsto que persoal técnico desta plataforma de Destinos de Ciencia Certificados comece a avaliar este recinto de Soutomaior, que xa está acreditado como Xardín de Excelencia Internacional, con máis de 15.700 metros cadrados, con 175 especies arbóreas diferentes, algunhas delas con máis de oitocentos anos de antigüidade, sendo especialmente relevante a colección de máis de 300 exemplares de camelias, de 22 tipos distintos.

SEGURIDADE. En canto á seguridade, na mesma entrada o persoal técnico do castelo explica as medidas de hixiene e distanciamento que se teñen que cumprir durante a visita, como o uso obrigatorio de máscaras e luvas, e tómase a temperatura a todas as persoas que se achegan ao recinto.

Tamén se instalaron fontes de hidroxel que permiten desinfectar as mans e limitouse o aforo ao 50%, o que supón aproximadamente a presenza de 160 persoas simultaneamente de vista no castelo. Así mesmo, extremáronse as medidas de limpeza e ventilación.

Comentarios