As carrilanas regresan triunfais a Barro

Centos de persoas asistiron como espectadoras ► Samuel Mallo, na categoría G2, foi o rival máis rápido con arredor de 1,32 minutos
undefined
photo_camera As carrilanas nas súas diferentes categorías. GONZALO GARCÍA

Aínda cunha pandemia polo medio, nada fixo desmerecer o regreso por todo o alto da Baixada de Carrilanas de Campodeira, que na tarde de este domingo celebrou a súa V edición en Barro, nun percorrido ata o que se achegaron centos de curiosos e amantes da disciplina, que xa ten tradición no municipio, e na que participaron vehículos de inercia de oito categorías e coas máis variadas propostas, ante a sorpresa dos espectadores.

O descenso comezou arredor das 15.30 horas, sen ningún tipo de obstáculos. Se ben durante o percorrido houbo algunha que outra saída de pista, a amortiguación colocada á beira da estrada fixo posible evitar calquera accidente.

undefined
As carrilanas nas súas diferentes categorías. GONZALO GARCÍA

A pesar de que este ano a participación descendeu lixeiramente, xa que a inactividade fixo que algúns dos competidores habituais se desprenderan dos seus vehículos, a calidade dos mesmos foi, este ano, similar a do ano anterior, cunha optimización tanto no deseño como no funcionamento das carrilanas que, co paso do tempo, vai medrando progresivamente, en contraposición ás carrilanas máis rudimentarias das primeiras edicións.

No que respecta aos resultados da proba, que o Concello levou a cabo en colaboración coas federacións de inercia galega e asturiana, e que contou cun percorrido de dous quilómetros pola estrada do monte Acibal, a carrilana de Samuel Mallo, da categoría G2, foi a que logrou completar o percorrido nun menor tempo, con 1,32,280, seguido moi de preto por Salvador Costas, con 1,32,800. En terceira posición chegou Manuel Souto, con algo máis de 1,38 minutos, mentres que a cuarta e quinta posición, respectivamente, foi para María Fernández e Joel Castro. Na categoría G1, Rubén Romay (1,36,460) e Brais García (1,39,400), obtiveron o primeiro e segundo posto.

undefined
As carrilanas nas súas diferentes categorías. GONZALO GARCÍA

Como único participante, Francisco Campos proclamouse gañador da categoría GB con algo máis de 1,39 minutos, mentres que Manuel Baqueiro e Manuel Pérez obtiveron o primeiro e segundo posto da RX con algo máis de 2,14 e 2,26 minutos, respectivamente.

No caso da categoría SK, a única participante, María Jesús Monteagudo chegou en arredor de 2,34 minutos á meta, e na categoría SL alzouse Yessica Martínez, con 1,53,660 fronte a Carlos Rodríguez, con 2,48,600. Na C1-C4 o único participante foi Sergio Martínez (1,38,820), e na C8-C9, en primeiro, segundo e terceiro posto, respectivamente, quedaron Antonio González, José Carlos Iglesias e Daniel Outeda.

undefined
As carrilanas nas súas diferentes categorías. GONZALO GARCÍA

Finalmente, na categoría DT o primeiro posto foi para Simón Salgueiro (2,00,090), o segundo para Emilio Cochón (2,01,370), mentres que no terceiro, cuarto e quinto quedaron Hugo González, Pablo Baqueiro e Gabriel Citoula.

Comentarios