A Casa Barroca de Combarro será un museo de titularidade municipal

A Deputación iniciou conversas co Concello para asinar un convenio que inclúa a cesión gratuita e a reforma desta peza arquitectónica, que vén de inscribir no Rexistro da Propiedade 
Julio Casás, Gregorio Agís, Carlos Font, Luciano Sobral e Silvia Díaz durante a xuntanza. DP
photo_camera Julio Casás, Gregorio Agís, Carlos Font, Luciano Sobral e Silvia Díaz durante a xuntanza. DP

Tras percorrer un longo camiño para despexar as dúbidas sobre a titularidade da Casa Barroca de Combarro, situada no número 59 da rúa de San Roque, o inmoble terá, finalmente, un futuro como recurso turístico e museográfico que, ademais, será municipal. Para isto, a Deputación vén de iniciar conversas co Concello de Poio, co obxectivo de asinar un convenio para a súa cesión gratuita ao ente municipal, e darlle un uso definitivo a esta peza arquitectónica.

Cabe lembrar que actualmente continúa aberta a incógnita no relativo ao futuro do outro inmoble coñecido polo mesmo nome, tras a súa posta á venda por parte dun particular, e que abriu o debate e diferentes actuacións por parte do Concello no relativo á súa propiedade. Neste sentido, o deputado Carlos Font, quen mantivo unha xuntanza co alcalde de Poio, Luciano Sobral, a tenente de alcalde Silvia Díaz e os edís Gregorio Agís e Julio Casás, aclarou que a Deputación só ostenta a titularidade do primeiro inmoble, e que non ten ningún dereito sobre o adxacente.

Font informou tamén dos pasos realizados para aclarar a titularidade, tras os cales se asinará o convenio, que tamén incluirá a súa reforma para corrixir o deterioro que sofre, e deixala en perfectas condicións de habitabilidade.

Dito convenio interadministrativo atópase actualmente en fase de redacción por parte da Deputación, para sometelo aos informes técnicos antes de ser aprobado polos plenos de ambas Administracións. "Non falamos só dunha cesión, senón da intención da Deputación de acondicionar esta casa, así que o convenio debe recoller adecuadamente as obrigas e deberes das dúas partes", manifestou Font.

Un "novo tempo"

Despois de reunirse cos membros do Goberno local, o deputado quixo aclarar que "despexadas as cuestións ao redor da propiedade que se derivaban da xestión que se fixo en etapas anteriores, abrimos un novo tempo, con rigor e seguridade xurídica, porque compartimos os desexos do Concello de Poio".

Neste sentido, Font destacou a vontade de colaboración da Deputación con tódolos concellos da provincia, e valorou que "parécenos fantástico que esta casa, despois de tódalas circunstancias polas que pasou ao longo das últimas décadas, poida converterse nun moderno espazo de promoción turística e queremos colaborar, con toda a forza desta Deputación do século XXI, para facelo realidade".

Segundo Font, que anunciou que a Casa Barroca xa se atopa inscrita no Rexistro da Propiedade, "o Concello pediunos camiñar nesta dirección e vimos aquí para comunicarlles que a parte máis complicada do camiño, no que compete á Deputación, xa está feita con este proceso de depuración e inscrición rexistral, e hoxe están despexadas todas as dúbidas", e engadiu que se abre unha etapa nova que vai repercutir en "grandes novas para Combarro, que é unha das postais turísticas de Galicia e, sen dúbida, unha das imaxes máis representativas das Rías Baixas". 

A Deputación mercou o edificio no ano 1958
O procedemento para esclarecer a titularidade da Casa Barroca, que conta cunha planta de 72 metros cadrados e superficie total construída en dous andares de 133 metros cadrados, acredita que foi adquirida pola Deputación á súa anterior propietaria, en 1958. Dúas décadas despois, en 1978, o Pleno da Deputación cedeu o uso, de balde e en precario, ao Ministerio de Cultura para habilitar unha Casa da Cultura e unha Oficina de Turismo. Dende entón producíronse sucesivas circunstancias, con escasa ou nula documentación, respecto ás condicións do uso deste inmoble, tal e como explicaron dende o ente provincial.

Todo isto queda agora superado coa inscrición da casa no Rexistro da Propiedade, un trámite que se realizou o pasado mes de maio tras culminar a "depuración física e xurídica", unha obriga recollida no Regulamento de Bens das Entidades Locais con vistas ao alleamento, como é o caso, dado que se pretende entregalo ao Concello de Poio. O expediente de depuración debe incluír, ademais, o deslinde e a inscrición rexistral en caso de que sexa necesario.

Comentarios