Case a metade dos veciños do Concello de Poio ten menos de 44 anos de idade

O Concello, cuxo padrón municipal volveu tocar teito en 2022 ten a poboación máis xove da comarca e suma uns 100 nacementos ao ano
O alcalde de Poio, Luciano Sobral. G.G.
photo_camera O alcalde de Poio, Luciano Sobral. G.G.

O concello de Poio segue consolidándose como un territorio dinámico e de futuro cunha das medias de idade máis vigorosas da provincia. Así o considera o Goberno local, unha vez analizados os datos do Instituto Nacional de Estatística (INE) do ano 2022, nos que se constata que case a metade dos e das habitantes no municipio son menores de 44 anos. En concreto, a porcentaxe é do 49,1%, sendo a máis alta de toda a comarca dentro desta franxa.

A día 31 de decembro do 2022 Poio contaba con máis de 8.500 habitantes por baixo dos 45 anos. Os tramos cun maior número de integrantes son os correspondentes aos 40 e 44 (1.546), seguidos polos de entre 35 e 39 (1.066) e as crianzas de entre 10 e 14 (973). Tamén quedan moi preto do milleiro os mozos e mozas de entre 15 e 19 anos (925). Poio é o concello de toda a comarca de Pontevedra e de parte doutras comarcas veciñas que máis preto queda do 50% neste índice. Barro acada o 48,2% Pontevedra o 46,6%.

O alcalde, Luciano Sobral, considera estes datos moi positivos, dado que "veñen a confirmar que Poio segue a ser unha vila cunha boa calidade de vida e con servizos garantidos e unha dinamización económica e social en crecemento, polo que as familias e as que as novas xeracións poden establecerse aquí de xeito definitivo". O rexedor incide tamén no importante de manterse nestas porcentaxes cando a situación demográfica experimentou un descenso en toda Galicia.

Cen bebés ao ano

No caso de Poio, nos últimos anos séguense rexistrando máis de 100 nacementos de media. "Existe unha estabilidade que non é doada de atopar en outros concellos", apunta o alcalde.

O Concello de Poio agasalla cunha "Caixa de benvida" aos nenos e nenas que nacen no municipio. Esta iniciativa está promovida pola Concellería de Dinamización Lingüística, dirixida pola nacionalista Raquel Rodríguez, a través dunha subvención ofrecida pola Deputación de Pontevedra

Así, a finais de cada mes o Concello de Poio envía unha carta aos pais e nais que acaban de ter un fillo ou unha filla, na que se lles explica que esta "Caixa de benvida" inclúe dous libros para crianzas de idades inferiores a tres anos, ademais dun doudou e unha bolsa de merenda. A maiores, a estas familias ofréceselles a posibilidade de formar parte dun grupo de difusión, a través do cal o departamento de Dinamización Lingüística achega información vinculada á organización de eventos e actividade lúdicas pensadas para nenas e nenos, como poden ser ludotecas, contacontos ou espectáculos de maxia, entre outros.

Luciano Sobral móstrase satisfeito por estes datos, nun momento no que Poio está consolidado como un dos concellos das Rías Baixas nos que o aumento de poboación está a ser unha constante no que vai de século. A última actualización de datos por parte do INE cifra en preto de 17.300 o número de persoas empadroadas no municipio, marcando así un novo teito histórico.

Comentarios