O Castro da Cividá e a Eira dos Mouros espertan do seu letargo baixo a maleza

A empresa Árbore Arqueoloxía e Restauración avanza no traballo de limpeza do contorno e de prospección no único castro do concello que conta cunha gran laxe de petróglifos
Limpeza da gran laxe con gravados rupestres. DP
photo_camera Limpeza da gran laxe con gravados rupestres. DP

O concello de Cerdedo-Cotobade avanza a bo ritmo nas obras de restauración, musealización e posta en valor do conxunto arqueolóxico A Eira dos Mouros no entorno da Cividade, en San Xurxo de Sacos. Os traballos estanse realizando con cargo a un convenio asinado coa Consellería de Cultura e Educación, polo que o departamento autonómico asume, en solitario, a financiación desta intervención coa que se sacará do esquecemento un dos entornos patrimoniais máis destacados do municipio.

Neste xacemento, así como na limpeza do Castro da Cividade, farase un investimento de 30.000 euros e os traballos están sendo realizados pola empresa especialista Árbore Arqueoloxía e Restauración S. Coop. Galega, contando con Ángel Concheiro Coello á fronte das tarefas de limpeza e custodia.

O contorno da Cividade e a Eira dos Mouros, pese a estar catalogados como BIC (Ben de Interese Cultural) nas Normas Subsidiarias do Concello de Cotobade (un documento anterior á fusión dos municipios) é un gran descoñecido para a maioría de poboación da comarca. Este recuncho ubicado nunha zona elevada conta cunha estrutura castrexa, datada da Idade de Ferro.

Desbroce e delimitación do castro. DP
Desbroce e delimitación do castro. DP

Segundo se recolle no propio convenio coa Xunta, o castro ten forma oval, está dotado con varias terrazas e un foso de máis de cen metros e na súa parte máis elevada conta cunha fortificación ou croa delimitada por unha muralla. Do mesmo xeito, outros expertos e investigadores, sinalan que, como elemento interesante, a construción dispón tamén dun antecastro que dá unha idea da complexidade e e nivel de importancia do asentamento.

Pero, o máis destacado, en comparación coas ducias de castros da comarca é que na Cividá, unha gran laxe anexa á construción, presenta un complexo entramado de petróglifos. Trátase da coñecida como Eira dos Mouros, na que se poden aprezar motivos como cazoletas, círculos simples, círculos concéntricos, reticulados, óvalos, cruces e outros motivos.

Neste punto a parte da actuación proposta pola Xunta é a limpeza manual de toda a rocha,a diagnose sobre o seu estado de conservación, limpeza ou desbroce do contorno da rocha e traballos de documentación e rexistro do conxunto de petróglifos que suporán a creación do primeiro modelado 3-D dos mesmos mediante fotogrametría ou escáner o que se completará coa fotografía diurna e nocturna do conxunto.

En canto ao castro, zona na que se están centrando os traballos na actualidade, hai que limpar baixo supervisión arqueolóxica para recuperar a súa presenza na paisaxe, despois de que, tralos incendios de 2006, a maleza invadira toda a contorna e tamén o conxunto da Idade de Ferro. Tamén está prevista unha prospección arqueolóxica que permitirá delimitar todo o conxunto, dimensionar a presenza do grupo de gravados rupestres dentro do mesmo e descobrir se hai máis petróglifos.

Os traballos e o estudo arqueolóxico complementaranse coa documentación do espazo e a creación de paneis informativos que permitan a súa difusión como importante elemento cultural do patrimonio da Prehistoria pertencente á comarca de Pontevedra.

O alcalde, Jorge Cubela, destacou recentemente a importancia desta actuación. "Manuel Murguía xa describira este xacemento na súa obra Historia de Galicia pola súa grande beleza e importancia. De aí que teñamos claro que esta obra sexa unha actuación primordial", apuntou.

Comentarios