O CEIP Cordo Boullosa celebra o seu 50 aniversario cun encontro interxeracional

O centro foi inaugurado tal día coma hoxe en 1072 e substituíu ás unitarias de cada parroquia ► No acto oficial de este luns estará o primeiro director, Daniel Martínez, entre outras autoridades
O alumnado e os mestres e mestras festexaron a semana pasada o aniversario, como prolegómeno do acto oficial de este luns. DP
photo_camera O alumnado e os mestres e mestras festexaron a semana pasada o aniversario, como prolegómeno do acto oficial deste luns. DP

O CEIP Cordo Boullosa de Ponte Caldelas cumpre este luns 50 anos. Os alumos e alumnas xa son coñecedores desta excepcional circunstancia porque nos últimos días e semanas tense falado moito dese asunto nas clases. A programación especial de aniversario tivo un capítulo especial pensado para eles durante a última semana, e os preparativos para o aniversario oficial, que se celebrou este luns, tamén requeriron a cooperación dos e das estudantes.

O colexio foi inaugurado un 2 de maio de 1972, despois de ser construído con fondos públicos, pero tamén cunha achega económica doada por Manuel Cordo Boullosa, o empresario que se convertiu en magnate do petróleo en Portugal, pero que nunca esqueceu a súa Ponte Caldelas natal. O filántropo deulle nome ao centro desde o seu primeiro día de existencia. A nova escola tiña alumnos e alumnas da Educación Primaria antecesores da Educación Xeral Básica (EXB).

A apertura do gran colexio no centro da vila supuxo o peche das escolas unitarias de distintas parroquias e lugares, e describen os que coñecen ese proceso que a algúns lugares custoulles renunciar a aqueles centros. Don Daniel Martínez, o primeiro director do CEIP Cordo Boullosa, tivo que percorrer moitos destes lugares para convencer aos e ás veciñas de que o cambio podía significar un bó progreso para os seus cativos. O centro, co paso dos anos, non tivo problema en adaptarse á EXB e acoller alumnos da educación obrigatoria ata os 14 anos. Outros cambios foron derivados da apertura do CEIP A Reigosa, que asumiu alumnado de Tourón e Xustáns; a creación dun comedor escolar, a posterior reconversión do mesmo en biblioteca escolar, e máis recentemente (hai uns 15 anos) as obras para ter un novo comedor.

A comunidade escolar vén de celebrar os prolegómenos desta festa cun encontro con exalumnos que se repartiu en varios días e no que se coñeceron varias facetas profesionais e varias historias que o destino deparou aos estudantes.

Comentarios