O CEIP Pedro Antonio Cerviño solicita que non se reduza o persoal docente

A ANPA do centro educativo buscar reunirse con César Pérez Ares, xefe territorial da consellería de Educación, para analizar en profundidade as posibles consecuencias da diminución do profesorado
CEIP Pedro Antonio Cerviño, en Campo Lameiro
photo_camera CEIP Pedro Antonio Cerviño, en Campo Lameiro

A Asociación de Pais e Nais (ANPA) do CEIP Pedro Antonio Cerviño de Campo Lameiro fixo pública a súa preocupación ante a posibilidade de que se vexa "aínda máis" reducido o número de profesores que desempeñan as súas funcións educativas no centro escolar.

A ANPA asegura nunha carta remitida ao xefe territorial da consellería de Educación, César Pérez Ares, que a súa resignación se estende no tempo. O colexio Pedro Antonio Cerviño leva anos experimentando as consecuencias da súa ubicación nun municipio rural, privando aos seus alumnos dunha "educación dende a igualdade de oportunidades".

A pesar de que os pais e nais sempre se amosaron "comprensivos" coa limitación e reasignación do persoal docente, piden un "esforzo" por parte da administración autonómica para dotar aos cativos dunha "calidade educativa". É por iso que a Asociación solicita que o número de profesores se manteña, pois xa foi reducido durante o pasado curso escolar.

"Os alumnos de 1º e 2º de primaria, así como os de 3º e 4º reuníanse nunha mesma aula, incluso compartindo mestres con outros centros educativos da zona", denuncia a presidenta do ANPA San Miguel, Yolanda Fentanes Fontenla. De producirse a mesma situación a partires de setembro, engade, entraríase "nunha contradición severa" co distanciamento social e medidas de seguridade necesarias para afrontar o próximo curso no marco da "nova normalidade".

Coa finalidade de poder debater o tema, a ANPA do CEIP Pedro Antonio Cerviño solicita a convocatoria dunha reunión presencial con Pérez Ares para tentar chegar a un consenso e atopar "fórmulas alternativas que non perxudiquen o nivel de atención" aos alumnos do municipio.

Comentarios