domingo. 16.05.2021 |
El tiempo
domingo. 16.05.2021
El tiempo

O CEIP de Viñas, un cole con rocódromo para superar os retos do corpo e da mente

Varios alumnos e alumnas poñéndose a proba nunha das clases da semana pasada. CEDIDA
Varios alumnos e alumnas poñéndose a proba nunha das clases da semana pasada. CEDIDA
O centro de San Salvador incorpora unha parede de escalada para que os nenos gañen en coordinación, equilibrio e mesmo en autoconfianza
Superarse é sempre un reto, sexa este físico ou da mente. Esta posibilidade, a de poderen superarse, romper barreiras e ser activos e activas na toma de decisións, é a que lle regalou o CEIP de Viñas, en Poio, ao seu alumnado grazas á instalación que realizaron no seu ximnasio e que se vén de completar nos últimos días: trátase dun rocódromo que preside a parede principal da sala de psicomotricidade do centro .

Grazas á colaboración do Concello de Poio e ao traballo desinterado de operarios e das propias mestras, esta parede de escalada poderá ser empregada por alumnos e alumnas deste colexio de San Salvador nas clases de psicomotricidade desde o primeiro momento no centro, é dicir, desde os tres ou catro anos, ata o último: os doce anos da cativada de sexto curso .

A instalación en si mesma non destaca polo seu alto custe económico, dado que con menos de 500 euros e un pouco de colaboración altruísta, a responsable das clases de psicomotricidade conseguiu atopar as pezas que compoñen a gran parede pola que xa gabearon, alomenos en unha ocasión, a maior parte dos alumnos e alumnas.

Estas pezas denomínanse présas e foron escollidas pensando na seguridade dos cativos (en que puideran ser usadas desde a máis curta idade) cumprindo coa normativa Une. Son un total de 128 elementos de distintos tamaños e cores cos que se pretende atraer aos e ás participantes e sacar o máximo partido das instalacións.

Pero, ¿que gañan os alumnos e alumnas deste centro con un rocódromo? Pois o obxectivo da actividade é, en palabras da mestra impulsora, Eva López, "ofrecer aos nenos un medio co que gañar en coordinación, equilibrio, forza, resistencia e flexibilidade".

Para isto, o rocódromo, unha ferramenta aínda inusual nos colexos e institutos galegos, parece a vía ideal, posto que, en palabras da profesora, "trátase dun exercicio moi completo, xa que a maiores diso, sumamos a toma de decisións e a superación de retos, que mellorará a confianza en si mesmos, ou axudará á canalización de enerxía", algo moi necesario tamén para manter activo ao alumnado máis inquedo.

O rocódromo tamén e unha ferramenta boa para os tempos covid, é compatible co uso da máscara, permite o paso de un en un neno ou en grupos separados por unha distancia prudente, e facilita, se desperta o suficiente interese, que os alumnos e alumnas se organicen para participar en quendas ordeadas. Son detalles que noutros tempos pasarían desapercibidos pero que, neste curso no que os nenos e nenas teñen que facer frente a tantas novas normas derivadas da pandemia,toman nova importancia.

¿E como está a ser a acollida da parede de escalada? Segundo explican desde o centro, "non pode ser mellor". "Todos e todas coinciden en que parece máis doado", antes de iniciar o ascenso. E de feito, segundo a mestra, a frase máis repetida nestas xornadas ao acabar as sesión é: "Profe, ¿o próximo día podo volver tentalo?".

Clase con bicis. Alumnado con ximnasia sobre rodas
Si o reto, ou o principal aliciente deste curso é a parede de escalada, nos últimos anos o CEIP Viñas xa explorou outras vías para complementar as actividades de psicomotricidade dun xeito acaído ao alumnado. Neste caso, coa constitución dun pequeno parque móbil de patinetes, bicis e prebicis que foron doados polos veciños de Poio e Pontevedra.

Ademais de practicar un pouco de Educación Vial no patio, os alumnos e alumnas poden, cando as súas profesoras o estiman oportuno, realizar circuítos ao aire libre nos que melloran en coordinación e equilibrio e teñen acceso a outros valores, como a necesidade de respectar aos que comparten pista con eles, e a coordinación con todos os demais, para evitar accidentes.

O CEIP de Viñas, un cole con rocódromo para superar os retos do...
Comentarios
ç