O CEIP Viñas urxe ao arranxo dos aseos: "Hai zonas a piques de caer"

A ANPA do centro pide á consellería que actúe "segundo o comprometido". O espazo está destinado ao alumnado de Educación Infantil.
Membros da ANPA denunciaron a situación das instalacións. GONZALO GARCÍA
photo_camera Membros da ANPA denunciaron a situación das instalacións. GONZALO GARCÍA

"Hai zonas a piques de caer, estamos agardando a que un neno meta as mans e pase algo". Así denunciou a ANPA do CEIP Viñas de Poio o estado dos aseos destinados ao alumnado de Educación Infantil, que actualmente permanece semi precintado tras unha actuación do Concello pactada pola ANPA coa consellería para retirar varios azulexos que presentaban perigo de desprendemento debido ao seu abombamento.

Foi o pasado mes de xaneiro cando, tal e como explican dende a ANPA, "caeron varios azulexos, e en horario escolar". Tras este suceso, durante unha visita da Consellería de Educación e do Concello, aos que se lle transmitiu o problema, que xa fora notificado ao departamento autonómico nun escrito previo no mes de decembro, detectáronse diferentes deficiencias en todos os aseos do centro educativo, cuxos materiais atópanse xa moi deteriorados. O centro tivo que pechar os aseos de Infantil e o caso foi remitido á Unidade Técnica da Xefatura Territorial de Pontevedra.

Estado actual dos aseos de Educación Infantil. GONZALO GARCÍA
Estado actual dos aseos de Educación Infantil. GONZALO GARCÍA

"A arquitecta valorouno e dixo que o baño de Infantil estaba catastrófico, pero que non era necesario pechalos" , explican dende a ANPA. Neste sentido, chegouse a un acordo do Concello polo cal o ente local asumía a tarefa de desalicatar os azulexos soltos das paredes, e tras esta actuación a consellería comprometíase a reformar todos os baños do centro educativo, e en especial o de Infantil con carácter de urxencia. No mes de xaneiro executouse a obra de retirada de azulexos de arredor de cinco paredes dos aseos e o pasado mes de febreiro volveuse remitir un escrito á consellería solicitando unha data para a execución das obras no aseo de Infantil, ante a inquedanza das familias. Unha semana despois, contan, "foron a tomar medidas ao centro, concretamente o día 16 de febreiro, pasou case un mes e non volvimos saber nada".

A ANPA urxe agora ao arranxo dos aseos, e solicita á consellería que actúe "segundo o comprometido" , ao representar isto "un perigo para os cativos".

Comentarios