Centos de persoas bótanse á rúa en Ponte Caldelas en defensa da sanidade

O alcalde e membros do Goberno local encabezaron a marcha de Ponte Caldelas. ANXO LORENZO
photo_camera O alcalde e membros do Goberno local encabezaron a marcha de Ponte Caldelas. ANXO LORENZO

Ao berro de Rueda escoita, Ponte Caldelas está en loita e Queremos máis médicos, a veciñanza de Ponte Caldelas e de diferentes concellos de toda a comarca percorreu este domingo as rúas da localidade, nun acto de protesta que chegou a concentrar centos de persoas, e que serviu para rexeitar os "continuos recortes que merman a calidade da atención no Centro de Saúde de Ponte Caldelas", onde se pasou de ter tres médicos a só un nestes momentos e a non dispor dunha atención continuada de Pediatría, tal e como lembraron dende o Goberno local. 

O alcalde, Andrés Díaz, recalcou a importancia de contar cunha atención sanitaria de calidade, xa que, asegurou, "as agardas poden ser letais". A situación, manifestaron desde o propio Goberno local, é "insostible". Para Díaz, "nunca a atención sanitaria estivo tan debilitada e nunca estivemos tan mal como neste momento", asegurou, en referencia á precariedade que "atopan os pacentes cando acuden ao seu centro de saúde de referencia en Ponte Caldelas". 

Neste sentido, o rexedor local tamén quixo alertar de que a situación "non é mellor nos dous centros de urxencias que temos de referencia: o PAC da Parda e o Hospital Montecelo". O alcalde agradeceu a participación de todos os asistentes, agardando que esta manifestación "sirva para que a Xunta de Galicia tome medidas" e lle devolva "á cidadanía a atención sanitaria de calidade e en igualdade", pediu. 

Precisamente, o alcalde foi o encargado de dar lectura ao manifesto durante o acto, momento no que destacou que, "lamentablemente, levamos moitos anos sufrindo recortes na sanidade pública, vendo como se reduce o número de profesionais sanitarios, as horas de atención ao público, como cada verán se pechan camas nos hospitais e se pospoñen operacións". Para Díaz, "esta situación veu a agravarse notablemente coa pandemia da covid-19, cando semellaba que só se enfermaba da covid e pasamos a ser atendidos telefónicamente, a non poder entrar nos hospitais e nos centros de saúde e a ver minguada notablemente a nosa atención sanitaria".

Comentarios