Redacción

A choiva non venceu o Entroido de Cobres, que encheu a carpa

A tradición goza de boa saúde en Vilaboa, onde non faltan Madamas e Galáns nin participantes nos xogos populares

 Madamas e Galáns tiveron que botar man dunha gran carpa para poder danzar os bailes tradicionais resgardados da choiva no día grande do Entroido en Cobres. Non foi así cos xogos tradicionais, que se fixeron ao aire libre a pesares das baixas temperaturas.

Abriu boca a tradicional competición do Galo no Río, na que este ano houbo cinco participantes, entre eles unha rapaza, Desireé, que estivo a piques de facerse co galo en varias ocasións. Ao final foi outro veciño de San Adrián, Lucas Crespo González, o que conseguiu agarrar o animal de goma antes de caer ao río. Nesta edición precisáronse case dez roldas para que se completara o xogo, que, como todos os anos, foi o que máis aplausos arrincou a un público abraiado pola facilidade coa que os xogadores caían ás xélidas augas do Río Maior.

O Galo na vara foi para Xián Farto. Este vilaboés de vinte anos, natural de Santa Cristina, nin se achegou ao galo de goma que coroaba uha vara de eucalipto de máis de cinco metros, pero foi, de todos os participantes, o que máis alto chegou no seu intento, iso si, contando coa axuda do resto dos mozos que participaron.

E é que este ano, a vara, por algún motivo, estaba especialmente esvaradía, e non houbo maneira de que tocaran o alto, nin sequera os máis expertos xogadores. De feito, entre eles estaba Antón, o rapaz que gañou o ano pasado, que tampouco foi quen de conseguilo.

A festa continuou con bailes, as predicas de Xan Lorenzo, as danzas da asociación de veteranos e coa Corrida do Galo. Os participantes, disfrazados, quedaron ao cargo dun terceiro galo que debe ser roubado á organización por máis de media hora para conseguir o premio. Neste xogo o que se fixo co prezado tesouro foi Anxo Martínez Mayán. Os tres premiados levaron un galo cada un (neste caso de verdade, non de imitación) e unha cantidade económica de 50 euros.

Os xogos populares deron paso á presentación de novos personaxes deste Entroido, como a vaca de pau, un disfrace enmascarado que vai polo medio do xentío meténdose co público e que tivo moito éxito. Ao termo da festa queimouse o galo e botáronse fogos de artificio.

A Festa do Entroido de Cobres é a principal data festiva da localidade desde hai décadas. Ademais, conta co distintivo de Festa de Interese Turístico desde o ano 1999.

Comentarios