O Centro de Estancia de Campo Lameiro estará operativo no verán

A obra conta cunha achega de máis de 367.000 euros da Deputación

Carmela Silva (centro) pasou este xoves revista aos traballos. CEDIDA
photo_camera Carmela Silva (centro) pasou este xoves revista aos traballos. CEDIDA

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, e o alcalde de Campo Lameiro, Julio Sayáns, visitaron este xoves o inicio das obras de construción do futuro Centro de Estancia para maiores, situado a carón da igrexa de San Miguel do Campo. Trátase dunha obra incluída no Plan de Reequilibrio, impulsado pola institución provincial, cun orzamento de 517.003,71 euros, dos que o Goberno pontevedrés achega 367.003,71 euros. Concíbese coma unha nova infraestrutura para as persoas maiores do municipio, onde haberá espazo para fisioterapia e rehabilitación, ximnasia ou sala de usos múltiples.

Silva sinalou que esta actuación "é moi importante e moi demandada por Campo Lameiro. Trátase dunha desas obras moi necesarias hoxe en día, porque cada vez a nosa poboación é máis maior e demanda que haxa servizos coma este, que permitan manter e mellorar a súa calidade de vida". A presidenta destacou, ademais, que o futuro Centro de Estancia intégrase de xeito moi respectuoso no entorno que o rodea, "é unha edificación moderna do século XXI, algo que se corresponde á perfección coas demandas da xente, que pide protexer o noso patrimonio tanto arquitectónico como paisaxístico". A presidenta felicitouse pola calidade deste proxecto e aseverou que "non pode ser que as grandes poboacións teñan todos os servizos e as pequenas non. Todo o contrario, os concellos pequenos aínda deben ter máis apoio porque teñen menos recursos". Neste sentido é no que se insire o Plan de Reequilibrio, dirixido aos municipios de menos de 20.000 habitantes para o financiamento de dotacións singulares para a mellora do equilibrio territorial na provincia.

Pola súa banda, Julio Sayáns destacou que "grazas a este plan poderemos sacar adiante un edificio moi demandado polos veciños". O rexedor explicou que no verán xa estará lista esta nova infraestrutura, que "permitirá, por enriba de todo, atender aos nosos maiores".

Comentarios