O centro sociocultural de Tenorio xa é unha realidade para os veciños

O vicepresidente primeiro da Xunta asistiu á inauguración do espazo, que se beneficiou de máis de 618.000 euros
undefined
photo_camera O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, durante a inauguración do centro. J. CERVERA- MERCADILLO

A Xunta continúa apostando polos servizos públicos compartidos e tamén polo compromiso cos veciños e veciñas de Tenorio que, dende este sábado, xa poden gozar do esperado centro sociocultural.

Este compromiso ratificouno o vicepresidente primeiro, Alfonso Rueda, durante a inauguración deste novo punto de encontro desta parroquia de Cerdedo-Cotobade, que se beneficiou de máis de 618.000 euros do reparto do fondo adicional para fusións de concellos do Fondo de Cooperación Local que xestiona a Dirección Xeral de Administración Local.

O centro sociocultural de Tenorio convértese nunha realidade moi esperada, xa que a súa construción permitirá acoller todas as actividades da contorna, con especial beneficio para os maiores e os colectivos culturais e musicais.

O centro conta cunha dobre sala, con capacidade para 300 persoas, así como con tres aulas para accións formativas e cursos, oficinas, aseos, espazos de almacén e un porche.

O vicepresidente aproveitou a visita para falar dos 1,5 millóns de euros que a Xunta de Galicia destinará ao fondo adicional de fusión de concellos do Fondo de Cooperación Local, unha partida da que se beneficiará o propio concello de Cerdedo-Cotobade, fusionado no ano 2017.

Con esta consignación o Goberno galego consolida a súa aposta pola xestión compartida de servizos na que Galicia foi pioneira e que está a ser imitada por outras comunidades autónomas, o que, segundo o vicepresidente primeiro, Alfonso Rueda, confirma que "Galicia vai polo bo camiño".

O obxectivo do fondo adicional para fusións de concellos é mellorar as condicións de vida da súa veciñanza e, ao mesmo tempo, reducir os custos na prestación de servizos. Estas achegas teñen un carácter non finalista e poderán ser aplicadas polos concellos para a financiación de gastos de natureza produtiva ou xeradora de emprego, para obras ou servizos, gastos de persoal, gastos correntes en bens e servizos, amortización de débeda ou calquera outro gasto ou investimento acorde coas competencias municipais.

Cerdedo-Cotobade recibiu máis de 4 millóns de euros desta partida nos últimos catro anos, logo de que no ano 2017 se acordara a fusión de Cerdedo e de Cotobade nun só municipio, o que permitiu non só mellorar os servizos e aforrar custos na súa xestión, senón tamén obter fondos complementarios para mellorar a calidade de vida dos veciños.

Comentarios