O ceo tamén terá que esperar

As visitas guiadas ao observatorio de Cotobade, principal aliciente da asociación Sirio, tiveron que cancelarse desde o inicio da corentena e aínda non teñen visos de poder retomarse pronto
Foto de arquivo dunha visita ao observatorio astronómico de Cotobade. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
photo_camera Foto de arquivo dunha visita ao observatorio astronómico de Cotobade. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

Todos os sábados despois da posta de Sol, en dúas quendas de aproximadamente corenta e cinco minutos, o observatorio de Cotobade -da man da Asociación Astronómica Sirio de Pontevedra- mostraba as estrelas primeiro baixo a súa cúpula e, despois, nos exteriores da zona. Porén, desde o comezo do estado de alarma, estas visitas periódicas foron suspendidas e non se espera, polo menos a curto prazo, que poidan retornar pronto.

David Filgueira, presidente do observatorio, sinala o seguinte sobre esta situación: "Seguimos coas actividades paralizadas como estabamos, por exemplo, fai un par de meses. Basicamente porque se necesitan dun número de compoñentes da asociación bastante elevado. Entón, nos temos agora mesmo xente que, co estado actual da pandemia, se comprometa a manter estas actividades: unha polo risco que pode supoñer para eles e outra, tamén, polo risco que pode supoñer para a xente que participa en xeral. E teñen todo o dereito do mundo, claro".

Non obstante, si é certo que, polo de agora, continúan vixentes dúas iniciativas para este verán: a primeira, que estaba programada para Noites Abertas, tívose que mover para Ponteverán. "É unha actividade que se vai a facer cun número de prazas bastante reducido e cunhas consideracións especiais, respectando as distancias que nos indican as autoridades. O uso compartido de telescopios, e calquer instrumento óptico en xeral, require dunhas medidas porque tamén se pode producir contanxio do coronavirus vía ocular. Entón tamén aí tomaremos precaucións". No tocante á segunda, que leva xa anos en activo, trátase da observación das Perseidas desde o Castro de Troña, no Concello de Ponteareas. Actividades, non obstante, que por razóns relativas á pandemia aínda non están confirmadas ao 100%.

Para o verán só hai previstas unha actividade no Ponteverán e a observación das Perseidas no Castro de Troña

Interrogado tamén pola posible reanudación das visitas periódicas ao observatorio, Filgueira móstrase escéptico: "Moita xente contacta con nós a traves das redes sociais, preguntando acerca da reanudación das actividades. A nosa resposta, neste intre, é un pouco de prórroga, de pedirlles que sigan atentos ás nosas redes sociais, nas que iremos informando. De momento seguimos un pouco como estabamos: aí a expectativa de ver como evoluciona a cousa, se hai algunha solución, que opcións temos nós dentro do que sería a nova normalidade". Mais, pese a todo, o observatorio segue traballando en posibles solucións coas que volver á acción de darse as condicións oportunas. "Teremos que redefinilo todo: o aforo máximo, as medidas a tomar. Son moitas variantes".

Por outra banda, Filgueira si enviou unha mensaxe tranquilizadora no referido a un posible punto e final destas actividades: "A opción de peche como tal non existe porque non somos unha entidade que dependamos das actividades. Nós agora estamos nunha situación bastante saneada e non hai problema.De feito, seguimos usando o observatorio, aínda que só para as actividades internas. O único que está comprometido agora, polas condicións actuais, son as nosas visitas de divulgación".

Se ben a supervivencia da Asociación Astronómica de Sirio parece estar garantida, así como a volta das súas coñecidas visitas guiadas, non é menos certo que esta nova normalidade que se está a vivir tamén está a afectar a un sector que, non fai tantos meses, saía cada sábado a mostrarlle as estrelas ao mundo.

Únicos eventos previstos no verán
30 de xullo: Choiva de estrelas delta acuáridas
Pese a que poderán verse durante máis dun mes, do 13 de xullo ao 24 de agosto, o día sinalado será o de maior presenza desta choiva de estrelas. O maior pico terá lugar ás 1:26AM do propio día 30, cunha THZ que chegará ata os 25 meteoros/hora.

12 de agosto: Choiva de estrelas Perseidas ou bágoas de San Lorenzo
Nun caso parecido ao das delta acuáridas, pois a choiva de estrelas Perseidas ou bágoas de San Lorenzo tamén poderá observarse durante máis dun mes, do 17 de xullo ao 24 de agosto, é o día 12 de agosto o que otorgarán maior visibilidade a este tan coñecido fenómeno astronómico. A súa máxima, ademais, será alcanzada ás 15:13, cunha THZ de 100 meteoros/hora.

Consellos:
Asesorados polo propio David Filgueira, ao que lle agradecemos a súa colaboración para esta axenda, procedemos a compartir algúns consellos de observación de verdadeiro interese para poder desfrutar todavía máis da experiencia: recoméndase, desta maneira, evitar na medida do posible a contaminación lumínica, estar provistos de esterillas e tumbonas, centrar o noso campo visual a uns 40 grados do radiante tomando como referencia a constelación que lle dá nome e escoller a data, dentro do posible, máis preta aos máximos no caso das choivas de estrelas.

Comentarios