O CEP Plurilingüe Riomaior estrea 'Fálame que te sinto' con outros oito colexios

Trátase dun concurso para promover a lingua e a expresión oral da mesma
Unha actividade do centro, en imaxe de arquivo. J.CERVERA
photo_camera Unha actividade do centro, en imaxe de arquivo. J.CERVERA

O vindeiro 13 de maio coñecerase o resultado do certame 'Fálame que te sinto', un concurso de oratoria posto en marcha polo CEP Plurilingüe Riomaior de Vilaboa para respostar mediante a promoción do galego e da expresión oral ás limitacións da pandemia.

Nun ano marcado polas estritas normas nos centros e as poucas posibilidades de facer actividades extracurriculares, a este colexio vilaboés ocorréuselle a idea de poñer en marcha un concurso no que promover a lingua e a expresión oral da mesma, da que, sinala o centro, "sendo un dos piares fundamentais da educación e unha ferramenta poderosa para o desenvolvemento das persoas, atopamos moi poucos foros onde se poida desenvolver e desfrutar desta práctica".

O concurso, no que actualmente o xurado está exercendo o seu labor avaliador, estableceu dúas modalidades de participación: individual e en grupo, e tres premios en cada categoría (un smartwatch, un lote de libros, ou material de debuxo e pintura, respectivamente). O convite a participar, que se feixo extensivo a centros de toda a contorna, derivou na inclusión de outros oito colexios na convocatoria. Así, toman parte rapaces e rapazas de entre terceiro e sexto de Primaria dos centros CEIP A Lama, CEIP Santa Mariña, CEIP Reibón, CEIP Seara, CEIP A Guía, CPI Toural, CEIP Sequelo, CEIP A Rúa, CEIP Ardán.

GRAN CALIDADE. Aínda que a idea inicial era poder contar cun acto presencial para o desenlace deste certame, na súa primeira edición, dada a situación sanitaria, é máis probable que o desenlace sexa telemático. Actualmente, os cinco integrantes do xurado analizan os traballos entregados e xa adiantan que a decisión final será difícil, pois "o alumnado participante escolleu temas de moita actualidade e con moita transcendencia pedagóxica como, a homofobia a igualdade e a diversidade. E usaron técnicas e recursos como as sombras chinesas o Kamishibai o croma, recursos da natureza ou animacións".

A idea desta cita, que pretende manterse no futuro, foi apoiada e promovida polo Concello de Vilaboa, a Secretaria Xeral de Política Lingüística, a ANPA e o equipo da Biblioteca do centro.

Comentarios