Cerdedo-Cotobade amplía ata o día 18 o concurso de decoracións de Nadal

Decoración da Praza do Concello. D.P.
photo_camera Decoración da Praza do Concello. D.P.

O Concello cerdedo-cotobadés, a través da Concellería de Cultura, decidiu ampliar o prazo ata o 18 de decembro para participar no Concurso de Decoración de Nadal para veciños e establecementos do comercio local ao que destina 1.500 euros, dentro do programa "Cerdedo-Cotobade é Nadal".

O Concurso de Decoración de Nadal está dirixido á veciñanza e ao comercio da localidade baixo o título xenérico de "Cerdedo-Cotobade é Nadal" e que estará dotado con catro premios por cada unha das dúas categorías que suman en total uns 1.500 euros.

Establécense dúas categorías para participar. A primeira está aberta a toda a veciñanza de Cerdedo-Cotobade, maior de idade e con residencia no municipio, que realice a decoración no exterior da súa vivenda. Establécese un primeiro premio para o gañador de 200 euros; 150 euros para o segundo; 100 para o terceiro e 50 para o cuarto clasificado.

A segunda categoría, está destinada ao comercio local, consistente na decoración de escaparates, balcóns, xanelas, portas exteriores ou fachadas. Os negocios deben estar abertos ao público e en posesión da licenza de actividade correspondente.

Os premios que se establecen nesta categoría son de 400 euros a 100 euros para os catro primeiros clasificados.

A decoración en locais e vivendas deberá ter relación co Nadal e os motivos tradicionais coa mesma, tendo os participantes plena liberdade en canto a técnica e estilo, pero os materiais empregados deberán ser reciclados, así como naturais, sempre que non prexudiquen ou danen ao medio ambiente. Queda prohibido o emprego de materiais perigosos como velas, fachos, pirotecnia...

Unha vez rematada a decoración, os interesados deberán realizar una fotografía da mesma e enviala, xunto ao documento de inscrición e os datos persoais do participante, a través do correo [email protected] co asunto "Concurso Decoración de Nadal" ata o 18 de decembro. O día fixado no calendario para coñecer aos gañadores será o 23 de decembro.

Comentarios