"En Cerdedo-Cotobade, ata agora, hai 14 proxectos eólicos que nos afectan"

O colectivo Cerco, do BNG local, promove un encontro de activistas contra "o expolio eléctrico"
Ernesto Filgueira, Antón Mouriz, Víctor Rivas e Anxo Santomé (de esq. a dta.), na presentación da iniciativa. DP
photo_camera Ernesto Filgueira, Antón Mouriz, Víctor Rivas e Anxo Santomé (de esquerda a dereita), na presentación da iniciativa. DP
"Neste momento, en Cerdedo-Cotobade hai 14 proxectos de parques eólicos ou de liñas de derivación eléctrica que nos afectan, por iso consideramos que é tan importante seguir informando e seguir presentando alegacións e resistencia contra eles". Son aclaracións do integrante do BNG do concello fusionado e presidente da asociación cultural Cerco, vencellada a esta formación, Víctor Rivas, na presentación da xornada que este sábado promoverán desde o colectivo no Auditorio de Cerdedo.

Os nacionalistas levan meses traballando baixo o lema "Nin expolio nin depredación", á medida que foron descubrindo como o nome deste concello aparecía en sucesivos anuncios de información pública de distintos plans empresariais que buscan facerse oco no reparto de megas eólicos e decidiron que este tiña que ser o tema da reapertura da programación cultural da asociación despois dos meses duros da pandemia. Deste xeito planificaron o encontro: "Expolio eólico na Galiza: experiencias de loita" no que participarán oito asociacións e colectivos que están a mobilizarse na actualidade ante casos parecidos en distintos puntos do territorio. A este encontro acudirán representantes de ADEGA, así como do movemento de Oposición ao proxecto eólico do Monte da Neve (Celanova), a asociación O Oureiro de San Mamede de Monte (A Baña), o movemento Salvemos O Támega (Monterrei, Vilar de Barrio e Laza), a Comunidade de Montes de Vincios (Gondomar), a Asociación de defensa da Costa da Morte (Adecom), a Asemblea O Suído, de Covelo, e o colectivo recén fundado de Oposición ao Proxecto Eólico dos Cotos, en Cerdedo-Cotobade. As xornadas consistirán nun encontro e mesa redonda con debate desde as 10.00 ata as 14.30 horas nas instalacións do Auditorio local, que irán seguidas dun xantar picnic, no exterior do Colexio San Xoán Bautista, de Cerdedo, e de actividades lúdicas para os máis cativos. A xornada pecharase cun concerto de Banda Aló, desde as 19.00 horas.

A organización non estableceu sistema de reserva, pero sinala que conta con bastante aforo, de modo que a participación en todas as actividades se celebará cumprindo coas esixencias sanitarias actuais.

Comentarios