Cerdedo-Cotobade contará con sete novos depósitos de auga

O Concello destinará 213.000 euros a garantir o abastecemento

Sinatura dos convenios para levar a cabo a actuación. CEDIDA
photo_camera Sinatura dos convenios para levar a cabo a actuación. CEDIDA

O Concello de Cerdedo-Cotobade vén de impulsar a primeira fase do proxecto de mellora e reforzo do servizo de abastecemento de augas no termo municipal coa próxima construción de sete depósitos no territorio de Cerdedo. O presidente municipal, Jorge Cubela, asinou os correspondentes convenios de colaboración coas comunidades de montes e de augas para a concesión das subvencións nominativas destinadas á creación destas infraestruturas nun acto celebrado no Consistorio de Cerdedo no que tamén estivo presente o vicepresidente municipal, José Balseiros.

En concreto, o Concello destinará 213.000 euros a estes investimentos, que beneficiarán aos lugares de Tresaldeas (28.554 euros), Os Castros-Outeiro (34.032 euros), Framil-Peniñas (26.029 euros), Vilalén (26.016 euros), Meilide (33.477 euros), Covas (26.058 euros) e Cabenca-Revolta (38.568 euros). Esta fase inicial, que xa comezou coa construción dun almacenamento en Tomonde no exercicio anterior, terá continuidade neste mesmo exercicio co impulso de dez máis, sete en Cotobade e outros tres en Cerdedo, ata alcanzar 18 novos depósitos cos que garantir o abastecemento de auga á poboación en todo o territorio municipal.

Os dez novos proxectos tamén se executarán a través de subvencións nominativas, que xa aparecen nos Orzamentos Municipais de 2018, recentemente aprobados e que beneficiarán ás comunidades de Boliñas (12.000 euros), Rebordelo (12.000 euros), Cuqueira (7.000 euros), Xesteira (12.000 euros), Susteliño (5.000 euros), Ponte Borela (29.500 euros), Coutiño (68.712 euros), Vilar (26.058 euros), Filgueira (26.058) e Folgoso (50.000 euros). Deste xeito, neste ano investiranse 248.000 euros máis nestas actuacións.

Tras este acto, Cubela quixo destacar o "grande esforzo" realizado polo Goberno local para garantir o abastecemento.

Comentarios