Cerdedo-Cotobade engade a xestión indirecta ao Servizo de Axuda no Fogar

O Concello non pode contratar máis auxiliares con arranxo á taxa de reposición de persoal, polo que licitará parte do servizo durante 2020
Participantes en un obradoiro de emprego en Cerdedo-Cotobade. DP
photo_camera Participantes en un obradoiro de emprego en Cerdedo-Cotobade. DP

O Concello de Cerdedo-Cotobade vén de aprobar a posta en marcha dun formato mixto, que misturará xestión directa e indirecta, para a prestación do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) ante a insuficiencia de persoal municipal pertencente a esta área para dar cobertura axeitada a todos os usuarios.

Este novo sistema de funcionamento da principal prestación do Departamento de Servizos Sociais vén de ser acordado polo Pleno da corporación e estará operativo o ano próximo.

Deste xeito, o persoal municipal do SAF, que estaba adscrito ao antigo Concello de Cotobade, vaise encargar da atención de todos os usuarios do sistema básico de libre concorrencia a través dunha xestión directa de carácter público, mentres que os pertencentes ao sistema de dependencia van estar atendidos por unha empresa, que se determinará tras a correspondente licitación dunha concesión do servizo nos vindeiros meses.

O Concello dispoñía ata a data de suficientes efectivos para a prestación global de SAF, pero as limitacións legais para a reposición de persoal municipal impiden incorporar a máis auxiliares sociosanitarios, polo que se vai recorrer a este formato mixto para suplir as restricións en materia de contratación de novos traballadores.

«O Concello valorou a mellor forma de prestar o SAF, porque para nós os Servizos Sociais son da máxima prioridade, e por iso optamos por unha fórmula que é máis cara pero que é a que nos vai garantir mellores resultados na atención aos nosos maiores e dependentes», explicou o alcalde, Jorge Cubela. Co persoal existente e coa cifra de usuarios foise cubrindo axeitadamente o servizo, recurrindo en ocasións a apoios con traballadores en prácticas do Obradoiro de Emprego, pero a situación xa non pode estirarse máis «se queremos ter un SAF de primeira, que é o noso obxectivo», declarou.

Nesta liña, o rexedor lembrou a forte aposta do Concello polos Servizos Sociais, con incrementos anuais de ata o 30% na súa partida ata superar a cifra de 80 euros por habitante en cada exercicio e xestionando coa Xunta o aumento das horas do Servizo de Axuda no Fogar baixo o réxime de cofinanciamento e concerto ata acadar case 30.000 horas anuais de atención.

Comentarios