Cerdedo-Cotobade honra a figura de Antonio Fraguas nos centros educativos

Os alumnos e alumnas dos colexios públicos gozaron nos últimos días dun espectáculo infantil ofrecido polo Correo do Vento

Unha das representacións realizada estes días. CEDIDA
photo_camera Unha das representacións realizada estes días. CEDIDA

O Concello de Cerdedo-Cotobade segue a intensificar as actividades na honra de Antonio Fraguas con motivo das Letras Galegas 2019 e vén de celebrar, nos colexios públicos e no salón multiusos de Carballedo, o espectáculo infantil "A detective Peregrina e o insólito caso Antonio Fraguas", ofrecido por Polo Correo do Vento da man de Enrique Mauricio e o ilustrador Carlos Taboada.

As homenaxes a Antonio Fraguas continuarán a vindeira fin de semana co IV Festival de Bandas de Música, que se celebrará o sábado 4 de maio dende as 18.30 horas no auditorio do Centro Cultural de Cerdedo. A Unión Músical de Tenorio e a Banda de Música de Cerdedo dedicarán as súas actuacións ao Fillo Predilecto do municipio.

Nesa mesma xornada, haberá unha Muiñada das Letras na honra de Antonio Fraguas organizada pola Asociación de Veciños Salcedo Norte e que conta coa colaboración do Concello de Cerdedo-Cotobade. Os participantes realizarán a Ruta dos Sabugueiros pola contorna de Carballedo, compartirán un xantar en Casa Inés, celebrarán unha obra teatral ante a vivenda natal de Fraguas, en Insuela, e gozarán da música do grupo local Os Afoutes do Canón de Pau no Pozo Negro.

Finalmente, e antes de que chegue o 17 de maio, o municipio tamén acollerá o espectáculo musical "Amantes da Terra", que promoven Queiman e Pousa e que terá lugar no adro do campo da festa de Tenorio. Será o sábado 11 de maio.

Comentarios