Cerdedo-Cotobade investirá uns 54.000 euros no parque de Parada

Zona na que estará o parque de Parada. CONCELLO
photo_camera Zona na que estará o parque de Parada. CONCELLO

O Concello de Cerdedo-Cotobade acaba de abrir o prazo para a licitación do subministro e obra de instalación de parque infantil en Parada de Tenorio mediante procedemento aberto simplificadísimo por un importe total de saída preto de 54.000 euros.

As empresas interesadas en participar na licitación terán ata o 10 de outubro de 2022 como prazo máximo para presentar as súas ofertas en sede electrónica municipal.

O prezo de licitación do contrato fíxase en 54.008,73 euros (con Ive) e a empresa adxudicataria terá tres meses para executar os traballos. A apertura do sobre coa oferta económica farase o 11 de outubro ás 10 da mañá.

Este novo parque infantil, que conta coa autorización de Patrimonio, realizarase sobre unha parcela que foi cedida pola Comunidade de Montes situada ao carón do campo da festa.

O novo parque contará con seguintes elementos: un columpio mixto, outro de cesta, un tobogán para nenos de 1 a 4 anos, outro para idades de 4 a 14 anos, dous balancíns e unha tirolina.

A parcela escollida para este parque foi consensuada coa veciñanza e está ao final do núcleo de Parada. Linda polo leste co camiño empedrado de Parada (catalogado por Patrimonio polo que se tivo que solicitar autorización e foi positiva) e polo oeste cun camiño de terra. O parque infantil que se levará a cabo en Parada de Tenorio é de carácter inclusivo, un espazo de uso e gozo por nenos e nenas de distintas idades e capacidades.

Comentarios